Mojitos, dinosauros e nazis no medievo galego

[Imaxe: Cedida]
En 1931 Castelao denunciaba nas Cortes republicanas a “doma e castración” á que os Reis Católicos someteron a Galiza na baixa Idade Media. Hoxe, case 90 anos despois, da Costa da Morte aos Ancares sucédense feiras, mercados, eventos e recreacións que, consciente ou inconscientemente, continúan a perpetuar esa visión oficialista e centralista da nosa historia, confirmando unha vez máis a veracidade daquela vella cita atribuída a Orwell de que “a historia escríbena os vencedores”. Eis un extracto da información publicada no número 356 do semanario Sermos Galiza en papel.

Haberá quen diga que na Coruña do século XV non se podía gozar da bebida estrela de Cuba, unha nación que nacería máis de cinco séculos despois; que os dinosauros levaban extintos 65 millóns de anos ou que era imposíbel mercar dagas co escudo do III Reich. Erro. Ou cando menos esa é a impresión que pode levar calquera visitante da maioría das decenas de feiras medievais e históricas que se multiplican pola xeografía galega coma cogomelos no outono.

As máis importantes son as que contan coa distinción de Festa de Interese Turístico de Galiza, como as de Baiona, Betanzos, Mondoñedo, Pontevedra, Ribadavia e Vigo.

Esta última, A Reconquista, vén de ser incluída no selecto club das de Interese Turístico Nacional. Pero, son estes recoñecementos garantía de calidade e rigor? O doutor en Filoloxía Románica Francisco Rodríguez considera que “en absoluto”. “Máis ben son unha especie de pastiche cinematográfico fundamentado na idea estándar e oficial da historia de España que, no caso galego, supón unha ocultación brutal, empezando polo uso da lingua. Pensar nunha Galiza medieval falando castelán... Iso non ten nada que ver coa historia”, engade.

Anselmo López Carreira, un dos medievalistas galegos máis prestixiosos, apunta que ese selo debería estar vinculado a un “mínimo rigor”. “Que haxa de comer hamburguesas non é tan importante, hai cousas máis graves. Por exemplo, xa sabemos que a Reconquista foi unha festa da reacción da ultradereita do momento, sen ningún tipo de carga progresista... Tal vez se poidan conmemorar outras cousas máis modernizadoras”, sinala.

Os poderes públicos, responsábeis

Existen dúas formas de organización desta clase de eventos. Por un lado, o Concello, en colaboración con outros entes públicos superiores e colectivos culturais, veciñais e de comerciantes, encárgase de todo. A outra é que lle encomenden ese proceso a unha empresa privada sacando a concurso público a preparación da festa. Este último sistema, por ser o máis rápido e sinxelo (que non o máis barato) é, con moito, o máis habitual. E aí comezan os problemas.

 

[Podes ler a información íntegra no número 356 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]