A modernización da estación de tren de Monforte obrigará transportar viaxeiros por estrada desde este sábado e até abril

Haberá afectación ás conexións da Galiza con Catalunya, Ponferrada e León, ademais dos trens que unen A Coruña con Ourense e Monforte.

As obras de modernización da estación de tren de Monforte de Lemos obrigará a Renfe a habilitar medios de transporte alternativos por estrada entre este sábado, 25 de febreiro, e o próximo 2 de abril.

Segundo explica o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), as actuacións "non son compatíbeis coa suba e baixada" de pasaxeiros nesta terminal. Iso si, a circulación de mercadorías mantense entre as 7:00 e as 21:00 horas, ao habilitarse vías pasantes operativas, agás un corte programado que haberá do 16 ao 20 de marzo.

As obras na estación suporán o inicio dunha nova fase de traballos para modernizar a liña Ourense-Monforte-Lugo. En concreto, consistirán na construción dun paso inferior entre as plataformas 1 e 3, complementado con ascensores, o que mellorará a interoperabilidade, a accesibilidade e as condicións de seguridade para os viaxeiros.

Ademais, abordaranse renovacións de vías e aparellos, así como a posta en servizo do novo enclavamento da terminal e obras de adaptación da catenaria á nova configuración de vías.

Así, entre este sábado e o 2 de abril, cando se prevé recuperar a subida e baixada de pasaxeiros na estación, Renfe habilitará un plan alternativo de transporte por estra

da para que poidan chegar aos seus destinos correspondentes dos servizos afectados en Media Distancia, Rexionais e Longa Distancia.

Máis concretamente, haberá modificacións nas conexións de Galicia con Cataluña, Ponferrada e León, ademais dos trens que unen A Coruña con Ourense e Monforte de Lemos. A relación dos servizos afectados pode consultarse en renfe.com.