Margarita Poza: "Os nosos modelos estatísticos baseados en augas residuais alcanzan unha precisión de 90%"

Margarita Poza, no centro a canda o seu equipo, é especialista en Microbioloxía, investigadora do Inibic e profesora da UDC. (Foto: UDC)
Un equipo multidisciplinar lidera desde abril o rastrexo de coronavirus nas augas residuais da área da Coruña. A partir da carga viral detectada, o proxecto CovidBens é capaz de alertar as autoridades do aumento de contaxios con dúas semanas de antelación e de estimar mediante modelos estatísticos o número de portadores do virus. 

A análise das augas residuais advirten un cambio na carga viral da poboación após a ponte da Constitución, como parecen amosar as estatísticas do Sergas?
Aínda é algo cedo para ver os efectos da desescalada na carga viral das augas residuais. De momento seguimos observando unha diminución. É certo que non estamos ante un descenso en picado pero mantense esa tendencia á baixa. 

Mais non hai que descoidarse. Hai que ter en conta que non imos volver a un confinamento estrito, e que o descenso da curva non vai ser tan acusado como o que se rexistrou durante a primeiro onda, próximo a cero. Mentres non chegue a vacina estaremos expostos a flutuacións constantes. Así que o importante agora é evitar os excesos. Un abuso da confianza no Nadal pode deixarnos unha pendente elevadísima despois das festas,  cos hospitais colapsados. E isto non lle interesa a ninguén.

A experiencia de CovidBens di que o estudo das augas residuais permite anticipar a aparición dun surto ou dun aumento global dos contaxios. 
A alerta temperá é un dos obxectivos do proxecto. O seguimento da pandemia que facemos a partir da cantidade de coronavirus presente nas augas residuais permítenos anticipar e ampliar a diagnose que realiza o sistema sanitario. Nós detectamos unha suba da incidencia do virus antes que o sistema sanitario ao considerar tanto as persoas con síntomas como as asintomáticas, xa que ás augas residuais chegan as feces de toda a poboación. Os nosos datos adiántanse dúas semanas aos datos oficiais que nos proporciona a Dirección Xeral de Saúde Pública.

Que momentos claves foron capaces de predicir con antelación?
O primeiro foi en xullo, coincidindo coa primeira repunta dos virus após o confinamento. O día 13 de xullo anotamos unha suba da carga viral que fixo soar todas as alarmas. E sucedeu o mesmo a finais de setembro. O día 27 constatamos un ascenso notábel da curva que se confirmou ao cabo de 14 días cun aumento dos casos positivos notificados.
 
Cal é a base do traballo que desenvolven en colaboración coa Edar de Bens?
A base científica do proxecto consiste en que as persoas que están infectadas polo SARS-CoV-2 sexan sintomáticas ou non, é dicir, todos os portadores, excretan o virus nas feces. E por iso que as augas residuais que proceden de todos estes individuos e do resto da poboación, neste caso de perto de 400.000 persoas dos municipios da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros, e chegan a Bens, teñen coronavirus. Cantos máis portadores, máis carga viral, e ao revés. Polo tanto o que facemos é rastrexar o virus e tomar nota da cantidade que hai na auga para ver a evolución real da pandemia. Salvo no caso de cribados poboacionais, que non sempre funionan ben,  o sistema sanitario detecta a punta do iceberg, os casos sintomáticos. Nós detectamos eses e todos os demais. 

O éxito da súa proposta radica na capacidade de predición do modelo matemático que completa o traballo de laboratorio.
Até onde eu sei, o noso é o primeiro equipo do mundo que traballa en augas residuais que foi quen de conseguir modelos matemáticos capaces de estimar cantos portadores hai na poboación a partir dos datos de carga viral da auga. Os nosos modelos estatísticos epidemiolóxicos alcanzan unha precisión de 90%. Por iso destaca CovidBens, porque estudos das augas residuais hai moitos e fanse no resto do Estado, de Europa e do mundo, pero os nosos modelos son únicos. Estamos ante unha ferramenta moi valiosa que podería adaptarse a outros territorios. 

De feito, vén de compartir os seus resultados no seo da Comisión Europea.
Na Comisón Europea felicitáronnos poloq ue fixemos na Coruña. Convidáronme para coñecer máis detalles e potenciar esta iniciativa co fin de que se comprenda que os modelos en augas residuais son tan válidos ou máis que os baseados noutros indicadores.
 
Na Galiza, os resultados do CovidBens non son públicos. Tiveron boa acollida por parte das autoridades sanitarias?
Noutros países son públicos e dan pé a mapas de colores como os que se fan aquí a partir doutros indicadores. Os nosos non o son, pero conseguimos que tanto as Administracións locais como a Xunta apoiasen e financiasen o proxecto mais que  tivesen en conta os nosos informes para a toma de decisións. 

Que continuidade terá nos próximos meses o CovidBens?
Queremos constatar a evolución da pandemia unha vez iniciada a vacinación fronte a Covid-19. Cando a poboación comece a estar inmunizada a carga viral tenderá a desaparecer das augas residuais, polo tanto, vai ser moi interesante poder avaliar a eficacia da campaña de vacinación.

Colaboración científica fronte a Covid-19

CovidBens é un proxecto financiado por Edar Bens, a empresa pública de depuración de augas da área metropolitana da Coruña, a cuxo Consello de Administración pertencen os alcaldes de Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros mais e a alcaldesa da Coruña. Tras asumir a iniciativa no mes de abril para impulsar esta investigación, Edar Bens acaba de aceptar a renovación do proxecto, integrado por un equipo multidisciplinar no que participan microbiólogos, enxeñeiros de camiños e informáticos, químicos e matemáticos. Tanto da Edar Bens como da Universidade da Coruña (UDC), do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic), do Centro de Investigación en TIC (Citic) e do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA), no que participan, ademais, os equipos de Ricardo Cao e Susana Ladra.