Unha modelo é excluída dun desfile por non se axustar ás "medidas" estabelecidas

Rita é a primeiro modelo pola direita

A entidade organizadora -Escola de Moda Goymar da Coruña- menosprezou outras modelos, das que dixo que "estaban gordas" e "parecían xogadores de baloncesto", denuncia o deseñador Ángel Soto.

O 25 de novembro a Escola Goymar da Coruña organizaba o seu desfile “Jóvenes Diseñadores Talento 2017”, unha celebración de carácter anual que tivo lugar no MAC da Coruña. Ángel Soto, ex alumno da escola e gañador do desfile na súa anterior edición, fora convidado a participar este ano na categoría de deseñador invitado.

 

O deseñador, que actualmente reside en Londres, presentaba a colección de Malasangre, unha marca “feita para os marxinados” que el mesmo fundou nesta cidade. “Malasangre inspírase en toda a xente que algunha vez sentiu non ser suficientemente bon ou non encaixar. Non ten xénero, porque non cremos nel. Somos atrevidos e cremos firmemente no individualismo, na igualdade e no feminismo”.

 

"As modelos non eran prototipos cos que as axencias acostuman a traballar, mais xa se mandaran fotos delas. O día anterior ao desfile, dixéronme que estaban demasiado gordas e que parecían xogadoras de baloncesto”

 

Baseándose nestes principios, Ángel foi seleccionando a súa plantilla de modelos. “As modelos non eran prototipos cos que as axencias acostuman a traballar, mais xa se mandaran fotos delas. O día anterior ao desfile, dixéronme que estaban “demasiado gordas” e que parecían “xogadoras de baloncesto”, explica. A pesar de seren obxecto de menosprezo, as modelos seleccionadas por Malasangre puideron desfilar. Todas menos Rita.

 

"Isto non pode saír"

 

Pasadas as probas e dez minutos antes da actuación, a organización do desfile quixo “revisar” os modelos de Malasangre. “Comezaron a sinalar alterados, non entendíamos nada até que levantaron a voz e me apuntaron a min direitamente. Aí entendimos todo. Tratáronme de isto: isto non pode saír, isto non o saco, despois de tanto tempo organizando o desfile vés con isto”, “Menuda vergonza”, explica Rita, a rapaza finalmente rexeitada “por non ter as medidas”. Segundo o deseñador, a escola tamén tivo palabras homófobas cara Hugo, outro rapaz participante que levaba tacóns e vestido: “xa non vou dicir nada porque este tío vaia así”, terían dito, referíndose a súa roupa.

 

Ante a advertencia do deseñador de facer públicos estes ataques, a dirección respondeu que “tiña un futuro moi longo por diante, que se quería seguir traballando na moda víñame mellor ter a boca pechada”, afirma Ángel Soto a Sermos. “Díxéronme literalmente vés a miña casa a comer do meu pan, a beber do meu viño, co mantel posto, e aínda tes algo que dicir. Olvidan que o seu pan, o seu viño e o seu mantel pagámolo todos os alumnos que pasamos por alí posto que é unha escola privada”, explica Ángel Soto.

 

O escrito asinado por Malasangre explicando o sucedido foi compartido por máis de 21.000 persoas en redes sociais. O deseñador, que recalca as diferenzas entre a docencia e a dirección do centro, non volveu saber nada da escola. “Sei que están moi molestos e que se escudan na miña pouca profesionalidade. Non me preocupa, sei como traballo e teño cartas de recomendación e un currículum que me respalda. Estou orgulloso dos meus principios e de non permitir inxustizas como esta. Nunca poderei agradecer o suficiente a toda a xente que formou parte do meu equipo ese día e do moito que se teñen esforzado”, subliña o deseñador.

 

A escola nega que a rapaza fose discriminada e afirma que o deseñador non se cinxiu a ningunha das normas impostas para o desfile. A pesar diso, “deixámolo participar cun grupo de persoas que non víramos en ningún momento, nós temos un casting e unhas probas”.

 

En declaracións a Sermos Galiza, a escola nega que a rapaza fose discriminada e afirma que o deseñador non se cinxiu a ningunha das normas impostas para o desfile. A pesar diso, “deixámolo participar cun grupo de persoas que non víramos en ningún momento, nós temos un casting e unhas probas”, explican.

 

Ademais, desde a escola insisten no feito de que neste mesmo desfile participara como modelo unha alumna “que nunca puidera facelo por cuestións de medidas”. “Nunca driscriminamos ninguén, somos exemplo de pluralidade e traballamos con persoas moi diversas e con distintas sensibilidades”. A escola, que puxo de manifesto a súa postura nun comunicado publicado no seu blogue está a estudar o caso “por tratarse dun delito de calumnias”, afirman.

 

Pola súa parte, para Ángel “a beleza está nas cousas que nos diferencian do resto e non nas que nos fan axustarnos ao mesmo molde. É algo máis aló de modelos desfilando para mostrar unhas prendas, é un concepto e un pensamento común que a escola non soubo entender”.

 

Nota: na foto que vai inserida no corpo do texto aparece Hugo, modelo que foi obxecto de menosprezos homófobos, segundo o deseñador Ángel Soto.