8-M

A mocidade será a protagonista das I Xornadas Feministas de Lugo

Marisol Morandeira, esta segunda feira, en Lugo. (Foto: Nós Diario)
Conferencias, monólogos e concertos polo Día da Muller Traballadora.

A deputada da área de Muller e Igualdade da Deputación de Lugo, Marisol Morandeira, presentou esta segunda feira o programa de actividades da institución para conmemorar o Día Internacional das Mulleres Traballadoras, o 8 de marzo, que contará con conferencias, monólogos e actuacións musicais gratuítas, dirixidas "a toda a sociedade pero especialmente á mocidade". 

"É unha programación pensada para todas as idades con especial foco na mocidade porque a educación, a sensibilización e a visibilización son tres ferramentas chave para contribuír dunha maneira transversal á transformación da sociedade cara a unha máis xusta", explicou.

Palestras e música

As xornadas serán gratuítas previa inscrición e até completar a capacidade do salón de actos da entidade provincial. A programación contempla unha mesa redonda, dúas conferencias –sobre "Feminismo e Igualdade", da man da licenciada en Dereito Altamira Gonzalo Valgañón, e sobre o "Marco feminista da abolición da prostitución", impartida pola doutora en Socioloxía Silvia Pérez Freire–, actuacións musicais a cargo de Sheila Patricia e o monólogo "Desapareza aquí" de Patricia Sornosa.

No marco das actividades programadas reeditarase durante todo o mes de marzo o ciclo de concertos "Con voz de muller", que terá lugar nos catro sábados que restan do mes en curso. 

O ciclo musical contempla a actuación de Zoelas, o 9 de marzo en Antas de Ulla (A Ulloa), Agoraphobia, o 16 de marzo en Burela (A Mariña), Susana Seivane, o 23 de marzo en Guitiriz (A Terra Chá), e Cantar Delas, o 30 de marzo na Fonsagrada (comarca homónima).