Organizacións da mocidade independentista preparan o terreo para a manifestación do 24 de xullo

Imaxe dunha anterior convocatoria da marcha xuvenil unitaria pola independencia.

Organizacións xuvenís nacionalistas e mozas non organizadas preparan diversas xornadas de debate, convivio e axitación en Ferrol, Vigo e Compostela

De cara ás próximas mobilizacións polo Día da Patria, a xuventude independentista está a artellar os preparativos para a manifestación da véspera, que terá lugar ás 20 horas na Alameda compostelá. Con motivo disto, tres cidades galegas acollerán esta semana xornadas de convivio para reforzar a convocatoria, apoiada por 25 organizacións nacionais entre as que destacan Briga, Erguer, Isca! e diferentes centros sociais.

 

Esta cuarta-feira ás 21 horas, a Fundaçom Artábria de Ferrol (Trasancos) será escenario dun recital, un concerto de música tradicional e unha grellada a prezo popular. Alén disto, no sul do país un grupo de mozas independentistas viguesas ofrecerá esta sexta feira unha sardiñada con música na Revolta do Berbés. Por último, o centro social da Gentalha do Pichel acompañará unha grellada coa estrea do grupo Tecor Societário na capital do país. Será o domingo 22 a partires das 21 horas.

 

A plataforma xuvenil destaca o labor das mozas organizadas e non organizadas, que baixo o lema “rachar coa precariedade, rematar coa emigración”, están a realizar un traballo pedagóxico axeitado ás realidades locais da xeografía galega, “procurando enraizar a convocatoria en cada comarca”. Deste xeito, os sete espazos de debate e decisión dispostos para tal fin substitúen os espazos orgánicos de anos anteriores por “asembleas e canais de decisión horizontais”, traducíndose “nunha maior participación e nun maior ritmo de actividade”.