A mocidade galega volve perder nesta nova crise

Traballadores nunha cadea de montaxe. (Arquivo)
Foi a grande derrotada da Gran Recesión. Cando chegaba o coronavirus atopábase aínda inmersa nunha longa crise iniciada en 2008 que a expulsaba do país e deterioraba as súas condicións de vida. O golpe provocado pola pandemia está sendo peor e complica máis a situación. As perspectivas de futuro son pésimas. 

Os datos ofrecidos pola Enquisa de Poboación Activa (EPA) para o segundo trimestre de 2020 veñen confirmar a delicada situación na que se atopa a mocidade galega. Segundo o traballo realizado polo Instituto Nacional de Estatística (INE), a taxa de paro entre os e as menores de 29 anos ascende a 26,1%, 24 puntos máis do desemprego absoluto que se sitúa en 11,95%. Así, de 318.600 mozos e mozas galegas entre 16 e 29 anos, 101.900 están ocupados, 36.000 parados e 180.000 fan parte da poboación inactiva.

Ademais, este segmento de idade atópase á cabeza da taxa da temporalidade, con cifras por riba de 50%, declarando nesta última enquisa 54,6%. As cifras son aínda máis escandalosas se tomamos como referencia as franxas de idade entre 16 e 20 anos e entre 20 e 24 anos. Así, no primeiro caso a porcentaxe total de parados logra 47,8%, sumando 3.400 persoas, 2.200 homes e 1.200 mulleres.

Pola súa banda, no segundo, a taxa de desemprego sitúase en 32%, atinxindo un total de 13.300 persoas, 7.800 homes e 5.500 mulleres. Neste sentido, a tendencia dos números ofrecidos na última entrega da EPA certifican as magnitudes presentes desde as primeiras semanas do confinamento, onde o impacto económico da pandemia sobre a mocidade xa está clara.

O desemprego dispárase entre a mocidade

O desemprego entre a mocidade disparouse nos últimos meses pero o punto de partida xa era moi preocupante. Sen ir máis lonxe, na EPA do segundo trimestre de 2019 o número de desempregados menores de 29 anos situábanse en 19,6%, cifrándose unha de 6,5% no último ano. Outro tanto acontecía coa poboación entre 16 e 20 anos e entre 20 e 24, con taxas de paro de 41,1% e de 27,4% en xullo de 2019 e subas de máis de 6% no último período. A preocupación pola alta porcentaxe do desemprego xuvenil na Galiza xa foi advertido no seu momento polas autoridades europeas, cunhas taxas de paro que se situaron á cabeza da Unión Europea. Neste caso, a problemática do noso país é máis grave pola composición da súa pirámide demográfica, onde o peso desas franxas de idade é moi inferior ao doutras áreas do continente.

A situación está chamada a empeorar até o punto de que a mocidade é o colectivo con máis risco diante do fin dos Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE). A este respecto, o Instituto da Xuventude de España (Injuve), nun informe publicado en abril de 2020 para analizar as consecuencias da pandemia entre a xente moza cifra en 41% a porcentaxe de mocidade protexida polos ERTE que corre “grave risco de engrosar no inmediato futuro as filas do paro, pola precariedade da súa situación contractual e polo sector non esencial no que se desempeña”, aspecto agravado no caso galego ao ocuparse no comercio e na hostalaría practicamente 60% da poboación menor de 29 anos. A alta precariedade xoga contra os mozos e as mozas. O referido informe do Injuve, sinala que “o sistema contrata mozos en precario en épocas de bonanza e de maior demanda, e expúlsaos cando baixa e se presentan crises de consumo”. No mesmo sentido afirma que “a precariedade laboral ameaza a xuventude de dous modos: de forma inmediata, serán os primeiros en ser despedidos ao remate do ERTE.

A medio prazo, os que conservan os seus empregos serán os máis expostos ao despido”. Nun sentido semellante, o secretario de Estado de Seguridade Social, Israel Aroyo, para explicar que a metade das persoas afiliadas perdidas pola mesma concéntrase nas menores de 35 anos malia representar 25% das asalariadas, sinala que “isto débese a que son elas quen máis concentran os contratos temporais”.

As patoloxías psicolóxicas

As consecuencias da pandemia afectan a diferentes esferas da vida da mocidade. Así, nun informe elaborado por seis universidades públicas e editado pola Universidade do País Vasco baixo o título As consecuencias psicolóxicas da Covid-19 e o confinamento, sinala que 53% das persoas de entre 18 e 34 anos presentan máis problemas de concentración que antes da pandemia e 49% padecen sentimentos depresivos, pesimistas ou de desesperanza. Ademais destaca que a mocidade se atopa máis angustiada que o resto da poboación presentando máis patoloxías de natureza psicolóxico asociadas ao confinamento. Neste liña, os autores lembran a conexión entre estas patoloxías e a problemática laboral, significando que “os contextos de crise económica tenden a cronificalas”.