A mocidade galega enche as rúas de Compostela pola independencia

Máis dun milleiro de moz@s ateigaron as rúas da capital de Galiza na véspera do Día da Patria pola soberanía nacional.

 

Soberanía no seu sentido máis amplo. Esa foi a reivindicación da manifestación unitaria e xuvenil que congregou a máis dun milleiro de moz@s en Compostela este 24 de xullo. Convocad@s por Agir, AMI, Briga, Comités, Galiza Nova, Isca!, Liga estudantil galega e Xeira @s manifestantes reclamaron capacidade de decisión real en todos os eidos. 

Amoreábanse á entrada da Alameda compostelá por volta das oito e cuarto do serán e tras dunha faixa na que se podía ler o lema da convocatoria 'A mocidade mantendo viva a Galiza'. Independencia'. Diante, unha inmensa bandeira nacional. Ao fío dos primeiros pasos da manifestación os berros de "independencia" e "Galiza ceibe, poder popular" resoaban polas rúas entre as olladas de turistas e veciñanza. 

Acarón, un forte dispositivo da policía española que @s acompañou ao longo de todo o percorrido e que se acrecentou vén entrad@s no casco histórico. As demandas d@s manifestantes ficaban claras de camiño á praza do Toural que acolleu o acto político. "España é a nosa ruína", clamaron con forza pola Virxe da Cerca. E é que desde "o 24 de xullo de 2013 somos 27.000 mozas menos na Galiza", explicaron na leitura do manifesto. 

O desmantelamento dos sectores produtivos e a crise económica que atinxe o país desde 2008 abocan a mocidade galega "ao exilio", sinalaron. Porén, as políticas neoliberais implementadas polos gobernos español e galego baixo a batuta da Troika condenan a milleiros de persoas en Galiza "ao desemprego ou a precariedade laboral". Políticas que non fican no terreo laboral e atinxen todos os planos da vida diaria d@s moz@s e para as que @s manifestantes tamén tiveron resposta. 

Polo dereito das mulleres a decidir

"Mulleres libres na Patria liberada", corearon contra o anteproxecto de lei de reforma que Madrid aprobará antes de rematar o verán e que "anula o dereito das mulleres a decidirmos sobre os nosos corpos, que clandestiniza o aborto e impón legalmente a maternidade", subliñaron. Soberanía tamén dos corpos foi unha das reivindicacións que centrou a mobilización. 

E non só. A loita por un ensino público, galego, laico e de calidade fronte á LOMCE tivo tamén un espazo de seu na convocatoria, ao igual que a vontade por lanzaren "unha mensaxe urxente ao conxunto da mocidade" para se activar na defensa dunha "república galega" que visan conquistar "sen tregua", apuntaron. 

A mocidade dixo enviar "unha mensaxe urxente ao conxunto da mocidade" para reaxir a prol dunha "república galega"

Solidariedade internacionalista

Tempo tiveron tamén @s moz@s ao longo do percorrido para se lembrar doutros pobos como o palestino ao que o Estado de Israel está a masacrar desde hai dúas semanas. "Palestina vencerá" foi outra das consignas que se puideron escoitar en múltiples ocasións durante a manifestación. Aliás, diversas organizacións representaron nacións e territorios que loitan por se autodeterminar. 

"Con rebeldía e entusiasmo, crearemos un verdadeiro refacho de poder xuvenil que rachará coas cadeas do patriarcado, do capital e deste cárcere de pobos que é España", concluíron as cinco mozas que deron leitura ao texto unitario. O acto rematou coa entoación do Himno galego e azos entre as organizacións convocantes para converter a manifestación independentista do 24 de xullo nunha data para marcar no almanaque.