A mocidade antifascista que rexeitou a Vox en Monforte: "Achegouse xente maior apoiarnos"

Manifestación antifascista en Monforte o domingo 28 de xuño contra a presenza de Vox na vila (Imaxe:Cedida)
No Día Internacional do Orgullo LGBT+, arredor de 90 mozos e mozas recibiron á formación de ultradereita, que organizou un mitin coa presenza do seu secretario xeral, Javier Ortega Smith, na vila.

A presenza dos dirixentes de Vox na Galiza durante a campaña electoral cara ao 12 de xullo topou coa resposta de manifestantes antifascistas. No mitin organizado pola formación ultradereitista en Monforte o pasado domingo presentáronse mozas e mozos para rexeitar a presenza do partido de ultradereita. No día do Orgullo LGBT+, contra cuxos dereitos ten cargado Vox, berraron contra a presenza do seu secretario xeral, Javier Ortega Smith, na vila.

De maneira espontánea e popular organizouse un grupo de mozas e mozos, arredor de 90 persoas, que prepararon pancartas e cartaces para o acto que tivo lugar na praza da Compañía baixo a proclama "fóra fascistas da nosa terra".

"Desde o respecto, usando máscaras e procurando manter as distancias todo o posíbel amosamos o noso rexeitamento a esta formación política. Inclusive, achegouse xente maior apoiarnos, facer ruído e seguir amosando rexeitamento", narra unha persoa que asistiu á concentración.

As manifestantes actuaron "sen ofensas, sen insultos e sen violencia", prosigue este asistente. “A policía en todo momento nos privou de entrar na praza para achegarnos, advertíndonos que sería un delito de desobediencia facelo”, asegura.

Na xornada previa, o 27 de xuño, outra concentración recibiu a Ortega Smith en Pontevedra ao berro de "fascistas, fóra de Pontevedra". A formación denunciou onte que os seus candidatos na Galiza e no País Vasco corren "un risco claro de aatendado contra a súa vida e o patrimonio" polo clima de "violencia e intimidación" que sofren nos seus actos e lamentaron a "falta de reacción" do resto de formacións políticas.