A mocidade de 12 e 13 anos comezará a ser vacinada a próxima semana

Varias persoas participan nun cribado masivo en Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press) #coronavirus #covid19 #cribado #vacinación #ourense #pandemia
Este grupo de idade será tratado fronte á Covid co fármaco de Moderna. Outra particularidade nesta franxa, á que se suman as crianzas de 14 e 15 anos, é que deberán acudir ao punto de vacinación cun consentimento asinado pola nai, pai ou titor legal. O documento pode descargarse na páxina web do Sergas.

O Sergas vén de incorporar ao plan de vacinación as crianzas de entre 12 e 13 anos, que comezarán a ser tratadas fronte ao coronavirus a próxima semana. O grupo de idade entra dentro da franxa destinada á mocidade desde os 16 até os 12.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou ao seu homólogo en Educación, Román Rodríguez, desta decisión que na práctica afecta ao inicio do curso.

O responsábel do Sergas considera que en positivo porque estima que “coa vacinación deste rango de idade, a mediados de setembro toda a mocidade susceptíbel de recibir a vacina comezará o curso escolar coa pauta completa”.

As e os rapaces de entre 12 e 13 anos serán inoculados co fármaco de Moderna. Aliás, puntualizouse que na segunda feira comezarán a ser chamadas aquelas persoas que xa teñan cumprida a idade mínima e o resto irán incorporándose á campaña de inmunización fronte á Covid-19 segundo vaian cumprindo os anos.

Malia que entre 14 e 16 anos será Pfizer a vacina elixida, hai unha particularidade para os menores de 12 a 15 anos, pois será preciso contar “cun consentimento informado por escrito, asinado polo pai, nai ou titor legal” para entrar no punto de vacinación.

O documento oficial estará dispoñíbel para a súa descarga na páxina web do Sergas.

Desde o punto de vista de Comesaña esta nova do avance no ritmo de picadas co remedio contra o virus “garante un inicio de curso aínda máis seguro”.

Adianto para as persoas que xa padeceran o virus?

Por outra parte, o departamento que dirixe Comesaña está a analizar a posibilidade de adiantar as doses para aquelas persoas que xa pasaran a enfermidade. Se antes se estipulaba un mínimo de seis meses de marxe despois de que a infección deixase de estar activa para proceder á vacinación, o conselleiro recoñeceu esta sexta feira que “podería adiantarse”.

Aludiu á situación clínica de cada paciente, sen entrar a fornecer datas nin prazos concretos. Preguntado pola posíbel necesidade de afrontar unha terceira onda de vacinación, evitou pronunciarse “até que haxa evidencias científicas sobre a mesa”.