O arranque do curso escolar aviva as mobilizacións contra a "pandemia dos recortes"

Concentración de Anpas Galegas e CIG-Ensino diante da Consellaría de Educación en San Caetano (Foto: Arxina).
Anpas Galegas e o sindicato CIG-Ensino concentráronse diante da Consellaría de Educación para denunciar os recortes de aulas, profesorado e desdobramentos que sofren moitos centros escolares galegos no inicio do curso escolar.

O novo curso comeza con "127 aulas fechadas fundamentalmente no rural" e coa superación do máximo ratio en Infantil e Primaria de 25 estudantes por aula que o ano pasado, por primeira vez, se chegou a respectar, lembrou o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, durante a mobilización que o sindicato nacionalista e a Confederación de Anpas Galegas convocaron esta cuarta feira diante de Educación.

As manifestantes concentráronse para amosar o seu descontento ante a política de recortes de persoal docente e ante a volta a unha "situación incluso peor que antes da pandemia en canto a número de profesorado nas distintas etapas educativas do ensino público", explicou Bermello.

Neste sentido referiuse tamén á redución de persoal de apoio ao alumnado con necesidades específicas, á eliminación dos desdobramentos en secundaria e FP e á "mentira e manipulación como marca da casa" da Consellaría.

Así, Bermello acusou a Román Rodríguez de sinalar como persoal de reforzo Covid as 1.250 contratacións pertencentes ao plan Recupera, que se veñen realizando nos últimos anos e corresponden con medias xornadas, o que finalmente supón só 625 postos de traballo a tempo completo, unha cifra similar á de antes da pandemia.

Redución da distancia interpersoal

O protocolo previsto para este curso aprobado na reunión da Conferencia Sectorial de Educación e o Ministerio de Educación coas distintas Consellarías recolle a redución da distancia interpersoal a 1,2 metros dentro das aulas en todas as etapas educativas ademais dos grupos burbulla en Infantil e Primaria.

"Esta redución na distancia entre alumnado provoca que sexan necesarios menos desdobramentos de aulas e polo tanto menos persoal docente en cada centro. Pero en boa parte nin sequera se vai cumprir esta distancia, tal e como veñen de confirmarnos desde os centros ao sindicato", incidiu O portavoz da Cig-Ensino.

"Isto implica que a exposición da comunidade educativa ao coronavirus aumenta ao tempo que a calidade do ensino resulta minguada ao haber un maior número de alumnado por aula", resolveu.

Maior transparencia

 

As entidades convocantes defenderon que as medidas adoptadas pola Administración para o comezo de curso baseáronse en criterios económicos e urxen a necesidade de que "o ensino sexa presencial como garantía da equidade na educación". Ademais, reclamaron maior transparencia ao Executivo galego, así como criterios científicos e sanitarios sólidos que xustifiquen a toma de decisións.

Neste sentido, lembraron que a día de hoxe seguen se facer as avaliacións de riscos dos centros educativos e que non hai ningunha garantía de que vaian respectarse os mínimos fixados pola Inspección de Traballo para a protección de alumnado e persoal docente.