Mobilizacións en todo o país polo 8-M

Manifestación feminista polas rúas de Compostela o 8-M de 2021. (Foto: Arxina)
Marchas polo Día Internacional das Mulleres Traballadoras.

O feminismo galego ten convocadas para esta cuarta feira, 8 de marzo, decenas de manifestacións e concentracións arredor do país co obxectivo de reivindicar a igualdade entre homes e mulleres. Desde a Marcha Mundial das Mulleres (MMM) aseguran que "neste sistema non temos a posibilidade de ter unha vida digna; só o feminismo e a clase traballadora unida, organizada e na rúa podemos pór fin a un sistema de miseria".

Para isto, chaman a cidadanía a saír a rúa e participar nas manifestacións e concentración que decorrerán na Coruña, nas Pontes, en Allariz, en Betanzos, en Cee, en Santiago de Compostela, en Ferrol, en Lugo, en Noia, no Porriño, en Ourense, en Ponteceso, en Pontevedra, en Ribadavia, en Ribadeo, no Val Miñor, en Verín, en Vigo, en Vila de Cruces e en Vilalba.

Ademais destas mobilizacións, Santiago de Compostela tamén acollerá outra manifestación co mesmo punto de partida (a praza 8 de Marzo) pero que decorrerá unha hora máis tarde encabezada pola Plataforma Feminista Galega.

Concentracións da CIG

Para a mañá do 8-M, antes de que decorran estas mobilizacións, a CIG ten convocadas unha ducia de concentracións para denunciar, entre outras cuestións, "a precariedade que padecen as traballadoras e o deterioro das súas condicións de vida pola inflación".

Ademais, tamén exixirán "melloras nas condicións laborais e salariais" das mulleres, así como "uns servizos públicos de calidade". Desta forma, as concentración terán lugar ás 11 horas na Mariña, na Coruña, en Vigo, en Lugo, en Santiago, en Ferrol, nas Pontes, en Pontevedra, en Vilagarcía, en Cangas, na Garda e en Ourense.

Pola súa parte, CCOO e UXT non convocan manifestacións propias, mais participarán nas mobilizacións que decorrerán ese día nas distintas localidades do país.