Mobilizacións sociais na Galiza contra os tratados que a UE negocia cos EUA e Canadá

Un momento dunha concentración da CIG

Os tratados de libre comercio que a UE continúa a negociar en condicións de hermetismo absoluto cos EUA e Canadá continúan a espertar un forte rexeitamento social. Na Galiza a CIG tomou a iniciativa cun feixe de concentracións na mañá deste sábado. Esta tarde, en Vigo, a partir das 19 h, convoca unha manifestación a Plataforma Galega NON ao TTIP.

A CIG -que tamén fai parte da plataforma galega NON ao TTIP- mobilizou centos de personas en distintas concentracións nas cidades da Coruña, Ferrol, Compostela, Lugo, Ourense e Pontevedra. A central desenvolve desde hai meses unha intensa campaña contra o tratado de libre comercio entre a UE e os EUA por considerar que se trata dunha nova ofensiva da globalización neoliberal que envolverá novos cortes sociais e a degradación das normativas laborais e meio-ambientais no noso país.

Na concentración de Compostela, o secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, salientou que a CIG leva dous anos convocando actos para alertar á populación galega dos efeitos negativos que irán decorrer “sobre as nosas condicións de traballo e vida” no caso de que finalmente o TTIP se abrir paso.

Seixo salientou a forte oposición social que o TTIP está a ter en toda Europa con mobilizacións “multitudinarias” en Holanda, Bélxica, Franza ou Alemaña, mobilizacións que foron, denunciou, silenciadas polos mainstream media. Isto, ao seu xuízo, “denota até que ponto o capital está intentando que non se coñeza o seu contido”.

Son os lobbys os que están a negociar o tratado, con absoluto desprezo da soberanía e da democracia, e son eses mesmos lobbys os que controlan os meios de comunicación que censuran as manifestacións opositoras ao TTIP, denunciou Seixo.

Para o dirixente da central nacionalista, quer o TTIP quer o CETA (o tratado con Canadá) responden á mesma filosofía. "O que buscan é favorecer cada vez máis o control dos mercados: o laboral, o de mercadorías ou financeiro... por parte das grandes empresas multinacionais, tanto europeas como norteamericanas".

A coartada que empregan as transnacionais -a supresión das barreiras arencelarias- ten en realidade como albo a eliminación de atrancos para afianzar o seu dominio sobre o globo. O obxectivo último é harmonizar á baixa a lexislación en materia laboral, medio-ambiental e sanitaria, para maximizar os beneficios das compañías globais, basicamente de matriz norteamericana, denuncia a CIG.

Os tratados, de se materializaren, significarían un atentado contra a "soberanía dos Estados" por parte das multinacionais, até o ponto de que se contempla o estabelecimento de tribunais de arbitraxe que poderían acabar fallando contra os estados soberanos no seu propio territorio, en favor dos intereses das compañías globalizadoras.