Mobilizacións na Galiza por "unha saída xusta da crise"

A CIG desenvolveu unha xornada de mobilizacións por toda Galiza para esixir políticas que permitan unha recuperación socioeconómica e condicións "dignas". 

A CIG desenvolve desde o pasado mes de outubro unha campaña por "unha saída galega xusta da crise", no marco da cal convocou para este domingo, 7 de febreiro, unha xornada de mobilizacións por toda Galiza para esixir políticas que permitan unha recuperación socioeconómica e condicións "dignas".

En total, realizáronse mobilizacións en 18 municipios que comezaron entre as 11.30 e as 12 horas e que se estenderon até primeira hora da tarde. Entre os concellos participantes atópanse A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, A Guarda, As Pontes, Boiro, Cangas, Cee, Lalín, O Porriño, Redondela, Ribadeo, Verín e Vilagarcía.

O portavoz do BNG no Concello e a deputada no Pazo do Hórreo, Francisco Jorquera e Mercedes Queixas, respectivamente, participaron esta mañá nas marchas da CIG da Coruña, partindo desde distintos puntos da cidade, que confluíron na Praza de María Pita.

Con estas mobilizacións a CIG pide, entre outras cuestións, a derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e pensións, coa aprobación dunha nova lexislación laboral e social que restitúa dereitos.

Tamén reclama que se fixe por lei o salario mínimo interprofesional (SMI) no 60% do salario medio, tal e como marca a Carta Social Europea. Igualmente, solicita unha pensión mínima nesta taxa.

A prohibición por lei da aplicación de ERE, ERTE e modificacións de condicións sen previa autorización administrativa e acordo de persoal, así como eliminar as ETT e figura de falsos autónomos, entre outras reivindicacións.