Convocan mobilizacións este domingo para exixir pediatras nos centros de saúde: "O panorama actual é desolador"

O persoal de Pediatría do CHUO alertou en setembro do "desmantelamento" do servizo na área sanitaria de Ourense. (Foto: Europa Press)
"Toda a precariedade que vimos denunciando desde fai tempo, está culminando no 'colapso' dun sistema sanitario que non cumple cunha atención básica en Primaria", censuran desde Pediatras e Matronas Xa.

A asociación Pediatras e Matronas Xa vén de convocar a cidadanía galega a participar das mobilizacións que decorrerán o próximo domingo, día 20, en diferentes puntos do país para "pór de manifesto as carencias da Pediatría na atención primaria" baixo o lema 'Coa nosa saúde non se xoga'.

"As nosas nenas, nenos e mozos piden axuda de forma desesperada e non estamos a darlles a resposta que precisan", lamenta o colectivo, facendo alusión a que "os diagnósticos de Trastornos por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH) multiplicáronse por 3 desde o 2019, e os comportamentos suicidas aumentaron até 59%", motivo polo que, lembran, o persoal de Pediatría vén exixindo un reforzo urxente do servizo.

O panorama actual, sinalan, é "desolador" por mor da "alarmante falta de recursos de prevención e intervención en saúde física e mental" para as crianzas e a mocidade, "unha das partes máis vulnerábeis da nosa sociedade".

"Toda a precariedade que vimos denunciando desde fai tempo, está culminando no 'colapso' dun sistema sanitario que non cumple cunha atención básica en Primaria", salientan, referíndose a que "unha gran parte dos centros de saúde da Galiza non teñen pediatra".

Neste senso, cuestionan o "modelo actual" do Goberno galego, que, din, "segue dous extremos": por unha parte, "ir rotando profesionais, en moitos casos non especialistas, por diferentes centros"; por outra, "saturar algúns centros concretos que reciben as crianzas dese centro e de varios máis que non teñen servizo".

"Desatención, tratamento despersonalizado, saturación e burnout nos profesionais" son as consecuencias derivadas da situación actual da atención sanitaria a menores, ao xuízo de Pediatras e Matronas Xa.

En consecuencia, a asociación convoca para o domingo, coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Dereitos da Infancia, diferentes actos de protesta nos centros de saúde de Cee, Sanxenxo, O Grove e algunhas localidades da Mariña, "á espera" de novas confirmacións. O obxectivo é deixar un boneco fronte a cada ambulatorio, tirarlle unha fotografía e compartila nas redes sociais.