Entidades de discapacidade intelectual anuncian mobilizacións pola "paralización" do concerto social

As entidades sociais manifestaron o seu malestar ao departamento que dirixe Fabiola García. (Foto: Nós Diario)
Fademga xa informara por escrito a Política Social da "situación crítica" destas entidades por mor da "inoperancia e falta de resposta sobre a aplicación do concerto social".

Fademga Plena Inclusión, organismo que agrupa entidades galegas que traballan no ámbito da discapacidade intelectual e do desenvolvemento, vén de anunciar a súa intención de emprender mobilizacións para exixir á Xunta a activación do concerto social, que lles permitiría obter fondos para financiar as prazas de asistencia que xestionan e que, apuntan, "son prazas públicas".

Nun comunicado, a entidade denunciou esta terza feira o "grave incumprimento do plazo máximo" para a execución do concerto social, xa que o decreto de decembro de 2020 daba "un prazo máximo de 18 meses para pór en marcha" este mecanismo, algo que "venceu en xullo de 2022".

Fademga agradeceu as xestións realizadas pola conselleira de Política Social, Fabiola García, así como de Francisco Conde —conselleiro de Economía e vicepresidente primeiro— como "encargado do seu despacho" nesta liña, así como "a súa axilización no tema".

Con todo, apuntan, "o atraso na posta en marcha supón un prexuízo de vital importancia para o financiamento e a viabilidade das entidades". Por iso, o pasado 7 de outubro enviaron un escrito á Consellaría de Política Social para informar de que, "ante a inoperancia e a falta de resposta sobre a aplicación do concerto social e do incremento salarial derivado da aplicación do convenio para este ano", as entidades do sector "tomarían medidas".

Esta realidade, sosteñen, "agrávase ao ter coñecemento de que a Consellaría de Facenda non previu a inclusión dunha partida específica e concreta nos orzamentos da Galiza para o desenvolvemento e o impulso do concerto social no 2023, tal e como comprometeu no seu día Fabiola García".

Fademga alertou así da "situación crítica" das entidades, que "levan anos asumindo incrementos de custos que deberían corresponderlle á Administración [da Galiza]".

"A esta situación debemos de sumar o elevado sobreesforzo económico que asumen por motivo dos custos derivados da crise sanitaria e agora da crise enerxética, unha situación que, unida agora á paralización do concerto social, está a xerar un clima tenso no sector, que de non ter pronta solución pode acabar ocasionando a perda de moitos traballos e poñer en risco a supervivencia de moitas entidades", recollen.