Mobilizacións en toda Galiza contra o rescate bancario

As cidades galegas, ademais de Vilagarcía e A Estrada, viviron hoxe unha xornada de protestas contra o rescate bancario. @s manifestantes encheron prazas e rúas en sinal de protesta pola aportación de até 100.000 millóns de euros por parte do FROB ás entidades financeiras privadas.

O primeiro día de rebaixas coincidiu tamén co primeiro do repago farmaceutico e o do aumento das tarifas da luz, gas e butano. Eran os temas de conversa na manifestación de Compostela que viviu, como outras cidades galegas, unha xornada de mobilizacións contra as medidas que adoptou o goberno español de Mariano Rajoy para atallar a dura crise que vive o Estado español, nomeadamente o rescate bancario. Convocadas pola CIG houbo mobilizacións na Coruña, Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa e A Estrada. A máis numerosa foi a de Vigo onde as consignas máis escoitadas foron "Non faltan cartos, sobran ladróns", "Non, non, non, á privatización", "Reforma laboral, terrorismo empresarial", "A crise social que a pague a patronal" e "Coa CIG na rúa a loita continúa".  

Entre as consignas que máis se escoitaron: "Non faltan cartos, sobran ladróns"


O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, participou na mobilización de Vigo onde afirmou que "o suposto éxito acadado polo goberno do estado Español resumiríase en ter conseguido que o rescate fora un préstamo directo á banca que non afectaría ao Estado e, polo tanto, á débeda pública, mais non se consegiu". Outro dos temas relacionados co rescate foi o da soberanía que, para o sindicato nacionalista, sería "a dun estado tutelado por un supervisor financeiro e a estar ao servizo das políticas económicas que impoña a UE e a banca europea, ou o que é o mesmo, a banca alemá”.
Seixo denunciou que xunto ao rescate virán "máis recortes". Os avisos do Fondo Monetario Internacional van nese camiño e non descarta que toquen o IVE e adianten a entrada en vigor da idade de xubilación aos 67 anos.

 

 

Video: