Mobilizacións en 8 cidades galegas por un sistema público galego de coidados

Imaxe da concentración en Compostela

A recollida de sinaturas para levar o debate ao Parlamento por Iniciativa Popular entra na recta final

A CIG mobilizouse na mañá desta quinta feira en 8 cidades (Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Compostela, Pontevedra, Ferrol e Vilagarcía)  por un “Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas” no que estean todos integrados para garantir a calidade asistencial e dignificar as condicións laborais.

O sindicato sinala que “a pandemia sacou á luz as deficiencias asistenciais e a precariedade laboral nas Residencias da Terceira Idade, Centros de Día, Centros de Atención á Diversidade ou Servizos de Axuda no Fogar, entre outros. Servizos que o goberno do PP na Xunta vén desmantelando e privatizando para facer deles un novo negocio a costa das persoas máis vulnerábeis”.

Por iso a central sindical puxo en marcha unha campaña de recollida de sinaturas, que entra xa na recta final, para levar ao Parlamento de Galiza, por Iniciativa Popular, esta demanda. “A crise sanitaria derivada da pandemia da COVID-19 puxo máis de manifesto ca nunca a necesidade de poñer os coidados na prioridade das políticas públicas, e por tanto, a urxencia de investimento público en servizos de atención ás persoas”, explicou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, na concentración en Compostela.

O sindicato nacionalista propón a creación dunha única rede pública na que estean integrados os centros asistenciais e residenciais da terceira idade; centros de día; centros de atención á diversidade; servizos de Axuda no Fogar e outros recursos como Casas Niño, Casas do Maior, Xantar na Casa, Transporte Adaptado..

“Servizos que teñen que estar dotados suficientemente tanto de infraestruturas e material como de recursos humanos e nos que se dignifiquen as condicións laborais e salariais de todo o persoal, maioritariamente mulleres, coa aplicación do mesmo convenio colectivo.”

Xunto a isto, e tal e como explicou Carril,  a CIG aposta pola xestión directa polas Administración Públicas de todos os servizos público e considera que “é ineludíbel, e máis necesario que nunca, que a xestión destes servizos sexa pública e única en Galiza”. Neste sentido, defende a creación pola Administración Pública dos postos e prazas necesarias, reguladas mediante convocatorias públicas, garantindo a prestación destes servizos máis alá das taxas de reposición de efectivos.