"A ría é a nosa mina!": nova mobilización contra a minaría de San Finx

Presentación da xornada de mobilización deste sábado 8 de xullo. (Foto: Plataforma contra a mina de San Finx)

A plataforma de afectados e afectadas alerta de que a empresa non ten “solvencia financeira” para afrontar as responsabilidades multimillonarias que suporía a contaminación dos bancos marisqueiros

A plataforma de afectados pola mina de San Finx e responsábeis de confrarías presentaron esta segunda fa nova xornada de mobilización que terá lugar este sábado, 8 de xullo, en Lousame (comarca de Noia) para denunciar a "ameaza" que esta explotación supón para o sector do mar.

A este respecto, advertiron que “a ría de Muros e Noia mobilizarase polo impacto potencialmente catastrófico" da mina de San Finx, e denunciaron "insolvencia financeira" por parte da empresa australiana.

En concreto, compareceron en rolda de prensa o portavoz da plataforma, Joám Evans; o patrón maior da confraría de Noia, Santiago Cruz, e o de Portosín, Isaac Gaciño.

A plataforma comarcal contra as verteduras, encabezada polas confrarías, demanda que a Xunta "revogue a autorización de verteduras concedida á mineira australiana a comezos do ano, despois de que se incumprira o condicionante de ter finalizadas as obras en catro meses".

Alerta de que a propia empresa "recoñeceu que non dispón de financiamento para acometer as obras e, de feito, a súa cotización está a mínimos históricos".

Nestas circunstancias, consideran "temerario" que a Xunta da Galiza manteña a vixencia da autorización, "sendo evidente que a empresa non dispón de medios nin solvencia para asumir as responsabilidades multimillonarias que implicaría a contaminación con metais pesados dos bancos de marisqueo".

Esperan unha "multitudinaria mobilización de protesta" este sábado no “escenario” da propia mina, onde se concentrarán ás 11 horas e cara a onde partirán varios autobuses desde a estación de Noia media hora antes. O obxectivo é mandar unha mensaxe "clara" ás administracións.

Enterro simbólico

A protesta incluirá un enterro simbólico dos produtos da ría que contará cos integrantes da compañía de teatro 'Os Quinquilláns'. Para esta performance a organización solicita aos asistentes que acudan vestidos de negro ou con roupa de augas.

Tamén haberá un concerto do grupo musical Barahúnda e unha degustación de produtos da ría ofrecida pola confraría de Noia, que avisa que "podería ser a última se se permite que as verteduras de San Finx acaben por realizarse".

A xornada concluirá cunha marcha até as presas de residuos mineiros abandonadas, onde se instalará unha pancarta alertando do "risco catastrófico" e se embotellará auga procedente da mina para enviar ao presidente da Xunta e aos titulares das Consellarías responsábeis pola situación das minas.