Mobilización multitudinaria na Guarda para pedir máis persoal médico

Mobilización na Guarda para pedir máis persoal médico (@desdeoturonio)

A protesta, convocada pola Plataforma en defensa da Sanidade Pública, reuniu a unhas 500 persoas.

Varios centos de veciñas e veciños da Guarda concentráronse este sábado na vila convocados pola Plataforma en defensa da Sanidade Pública para exixir máis persoal sanitario. Desde este colectivo apuntan que na actualidade hai moitas persoas nese concello que aínda non teñen, a día de hoxe, unha ou un profesional de Atención Primaria.

Exixen que se poña solución a esta problemática ao “ser esencial a continuidade asistencial, o seguimento no tempo e por un mesmo profesional das patoloxías dunha persoa, é a base dunha Atención Primaria de calidade”.

Nun comunicado aseguran que o Centro de Saúde da Guarda “só dispón actualmente de 4 dos 8 médicos de familia que debería ter en activo” e que as restantes prazas “cubrense puntualmente polo Sergas coa modalidade da prolongación de xornada”. Por este motivo, sinalan, “facultativos doutros centros acoden a atender listas de 30 pacientes por unha serie de horas, mais sen ter continuidade”.

Outra das demandas é que se cubran as baixas dunha pediatra na Guarda e tamén as de Oia e do Rosal.

Deterioro das condicións de saúde

Desde a Plataforma lembran que “esta situación prolóngase xa por varios meses e, nalgúns casos, máis dun ano”, polo que “supón o deterioro das condicións de saúde de moitas persoas na vila”.

Indican que o que acontece no seu municipio “implica, tamén un agravio comparativo, que coloca a Guarda como unha das vilas máis maltratadas da Galiza no referido a dotacións sanitarias, sen dúbida a que se encontra nunha peor situación da área sanitaria de Vigo”.

Outra das preocupacións é “o deterioro das condicións de traballo do persoal do centro, ao ter que asumir os 4 facultativos presentes as consultas dos seus pacientes, ás que hai que engadir as urxencias, tanto dos seus pacientes como as dos compañeiros”.

Nestas circunstancias “xéranse listas de agarda indignas dun servizo de Atención Primaria”. O persoal de enfermaría aseguran que está, tamén, “padecendo sobrecargas derivadas da excesiva carga de tarefas agravada coa actual xestión do proceso de vacinación”. Por último informan que o persoal administrativo “ten por diante continuas situacións de estrés ao seren as primeiras caras sobre as que a poboación libera a frustración causada polo deterioro do servizo, sen seren responsábeis da situación xerada”.