Mobilización contra uns recortes que condenan “á exclusión ás persoas con discapacidade intelectual"

Centos de persoas secundaron a concentración convocada na Coruña pola Federación de Asociacións en Favor das persoas con Discapacidade Intelectual de Galiza. Unha mobilización para protestar contra os recortes nas políticas sociais e os servizos públicos aplicados polo PP, que levan á “desaparición das persoas con discapacidade intelectual da sociedade, condenándoas á exclusión e acabando con gran parte dos dereitos acadados nos últimos anos”.

 

A concentración desenvolveuse na Coruña, fronte á delegación do Goberno, e na mesma estiveron presentes diferentes axentes sociais, políticos e sindicais, como a CIG. O presidente da Fademga, Eladio Fernández, foi o encargado de ler o Manifesto pola Plena Cidadanía, elaborado por máis de 1.000 persoas con discapacidade intelectual. 

Dende Fademga reclámase aos gobernos do PP que non haxa máis recortes nin reformas que supoñan unha vulneración e diminución dos dereitos das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento; asemade, demandan ás administracións públicas que garantan a viabilidade daqueles servizos e  programas que traballan a prol da mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e para a súa inclusión. Aliás, desde Fademga exixen que desde a administración pública se atallen as listexes de agarda e se free o retroceso do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia.

Así mesmo, e fronte á política de recortes implementada e defendida polo Partido Popular, familiares e persoas con capacidades especiais salientan que o desmantelamento dos servizos sociais e a redución das prestacións de axuda a persoas con dependencia, están a empeorar de maneira notábel a vida cotiá das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, cuxas necesidades médicas e sociais, son maiores ás de calquera outr@ cidadá(n). Neste senso, a Fademga demanda que non se reduza a atención temperá e que se aposte por unha educación máis inclusiva e de máis calidade