Mobilización feminista para visibilizar as “agresións machistas que as mulleres vivimos pola noite”

Medio cento de mulleres percorreron vestidas de negro a zona vella de Compostela na noite do sábado para desbotar "a idea de pasividade fronte as agresións machistas".

Medio cento de mulleres percorreron na noite do sábado a zona vella de Compostela para denunciar, as “agresións machistas que as mulleres viven de noite”, como afirman nun comunicado. Vestidas de negro, coa cara cuberta, e levando fachos, apostaron polo que cualifican como unha “estratexia de combate” e situarse no sitio das que "din que non": “non obedecemos, non calamos, non nos subordinamos”. Deste xeito, proseguen, rexeitan a idea da pasividade fronte as agresións machistas para dar paso "á rebelión e construcción doutras vidas posibles máis vivibles e horizontais, onde entremos todas e onde teñamos todo”.

Tras a faixa 'Devolveremos até o último golpe', lembraron que “a violencia patriarcal enchoupa a vida das mulleres” en toda a súa vida sexan os “baboseos”, ser nomeadas como “fillas de, compañeiras de, nais de”, “os abusos sexuais”, “as malleiras”, “a etiquetaxe da moda capitalista e patriarcal dos corpos das mulleres a través das tallas”, “o masculino xenérico” ou mesmo que “se nos mire mal por berrar”. Unha dinámica que ten nos feminicidios a súa expresión máis violenta.