A mobilización estudantil segue en Medicina

Durante catro xornadas as estudantes de Medicina baleiraron as aulas para reclamar un ensino de calidade (Arxina).

Após catro xornadas de folga e negociación cos responsábeis da Facultade máis da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o alumnado de Medicina celebra o éxito dun pacto para un ensino digno e de calidade. Menos caótico, respectuoso coas estudantes e xusto nas súas avaliacións. Mais o regreso ás aulas non disolveu o espírito da Asemblea Aberta. Novos grupos de traballo vixían o cumprimento dos acordos e abren o camiño cara a novas conquistas.

A Asemblea Aberta de Medicina logrou mobilizar o estudantado da Facultade como non se acordaba en anos. A súa determinación alentou o alumnado doutras facultades a iniciar un proceso idéntico, de cara a identificar as deficiencias estruturais da súa vida académica na busca de solucións colectivas.

O movemento asembleario está máis vivo ca nunca no campus compostelán. E segue adiante na Facultade de Medicina onde o compromiso inicial para mudar os criterios de avaliación, reducir as clases presenciais, descentralizar as prácticas de quinto curso nos centros de saúde, axustar o plan de estudos ás necesidades reais das futuras médicas e acabar coas vexacións por parte do profesorado ás alumnas, animou a creación de comisións de seguimento e novos grupos de traballo para velar polo cumprimento dos acordos e poñer en marcha reivindicacións esquecidas.

Normalización lingüística

A lingua como prioridade. É a «razón de ser» do grupo de Normalización Lingüística da facultade. Nas redes sociais defende unha Medicina en galego, «a normalización do galego como lingua vehicular dentro do seu centro de ensino e como ferramenta para a divulgación científica».

O noso primeiro obxectivo é aumentar a docencia en galego, xa que só 1,23% das materias e da práctica clínica se imparten na nosa lingua.

Segundo Iago Alcántara, membro da equipa de normalización, o seu é «un proxecto independente» das demandas da folga que renace grazas ao impulso acadado pola Asemblea Aberta de Medicina. «O noso primeiro obxectivo é aumentar a docencia en galego, xa que só 1,23% das materias e da práctica clínica se imparten na nosa lingua».

O noso primeiro obxectivo é aumentar a docencia en galego, xa que só 1,23% das materias e da práctica clínica se imparten na nosa lingua.

Só os graos en Lingua e Literatura Inglesas e en Relacións Laborais e Recursos Humanos contan cunha presenza de galego menor, e inciden no grao en Lingua e Literatura Españolas, onde «hai máis galego» que en Medicina.

Exames e recursos específicos en galego

Facilitar a realización e a avaliación de exames en galego é outro dos seus propósitos. Até o memento depende da iniciativa do alumnado e da vontade do profesorado de achegar un exemplar nesta lingua. Agora reclaman «un acordo» que garanta un número fixo de modelos de exame en lingua galega.

Outras das demandas do grupo de Normalización Lingüística da facultade de Medicina busca a complicidade da comunidade educativa para erradicar os receos do alumnado de fóra da Galiza cara o idioma do país. «A docencia e a divulgación sobre a lingua e a cultura galegas é tan pobre que se dan malos entendidos» e enfrontamentos pouco desexables entre o alumnado dos primeiros cursos. «Co paso dos anos a convivencia favorece o entendemento e a estima da lingua», asegura Alcántara, que reclama un xuízo máis xusto desde o primeiro día.

Doutra banda, o equipo denuncia a falta de recursos específicos de medicina en galego, unha eiva que propoñen corrixir coa elaboración dun vocabulario propio que recolla os nomes cos que a cidadanía se refire aos seus síntomas e doenzas nas consultas médicas.

Invisíbeis

A visibilización das mulleres e do traballo científico asinado por mulleres é outra das herdanzas do movemento estudantil. A iniciativa non é nova. Trátase dunha proposta docente alentada polo alumnado que quere aproveitar a forza da Asemblea Aberta para mudar o nome das aulas da facultade e promover a imaxe da muller científica.

Invisíbeis é o nome do grupo de traballo no que participan alumnas de varios cursos. «Contamos co apoio do decano e do seu equipo para identificar e designar algunhas dependencias da facultade cun nome feminino que contribúa a facer visíbel o seu traballo», afirma Carmen Francisco.

Na práctica, buscan substituír o número das aulas e achegar referentes femininos como Margarita Salas ou Jimena e Elisa Fernández de la Vega a unha facultade que só lle concedeu ás súas aulas «nomes de home»: Roberto Novoa Santos, Pedro Gómez de Bedoya, José María Suárez Núñez.

Sexto curso

O alumnado do último ano goza dunha condición propia. En sexto xa non teñen docencia teórica e dedican o curso a moverse polos diferentes servizos dos hospitais universitarios para cumprir cos obxectivos das materias que lles corresponden. «Sexto é o rotatorio», explica Juan Carlos Pardo, «é o ano previo ao inicio do MIR e todo son prácticas, o que motiva pola nosa parte algunhas demandas concretas» que de seren aceptadas, si, axilizarán e mellorarán a experiencia das compañeiras que veñen atrás.

Os alumnos de último curso reclaman o cumprimento dalgúns enunciados que «xa contempla a normativa de sexto da facultade de Medicina», apunta Juan Carlos Pardo. Entre outras medidas «unificar a docencia entre hospitais para que os seminarios prácticos de preparación da Avaliación de Competencia Obxectiva Estruturada (ACOE) e a avaliación de todas as materias nos diferentes centros respondan aos mesmos criterios».

A matrícula é igual para todas, polo tanto todas debemos partir de condicións iguais para ter as mesmas oportunidades.

En maio, as estudantes de sexto teñen que superar a ACOE, unha proba que desenvolven nos servizos de consultas externas dos hospitais, fechados ex profeso para someter o alumnado a supostos reais que servirán para avaliar as súas prácticas.

«Sabemos que os recursos de cada hospital son distintos e non todos contan co mesmo número de colaboradores para impartir docencia, pero non pedimos nada complexo nin específico. A matrícula é igual para todas, polo tanto todas debemos partir de condicións iguais para ter as mesmas oportunidades».