Mobilización contra o macrocomplexo celeste en Mos

Imaxe do macroproxecto da cidade deportiva do Real Club Celta de Vigo en Mos.
As parroquias de Pereira e Tameiga foron as escollidas pola directiva do Real Club Celta de Vigo para a construción da súa cidade deportiva con centro comercial. O sábado a primeira recibirá empresarios, xogadores e medios de comunicadión na colocación da primeira pedra do complexo; mentres na segunda comuneiros de Tameiga, veciñas e colectivos ecoloxistas amosarán o seu rexeitamento á especulación nas súas terras.

A plataforma Auga é vida de Mos, que agrupa á Comunidade de Montes de Tameiga, asociacións de veciñas ou a colectivos ecoloxistas manifestarase este sábado, 30 de decembro, ao tempo que se coloca a primeira pedra da cidade deportiva do Real Club Celta de Vigo. “Opoñémonos á expropiación do monte para construír un centro comercial”, afirma o presidente da Comunidade de Montes Antonio Cajide.

Cajide explica que o promotor do proxecto, o presidente do Celta Carlos Mouriño, solicitou ao Concello de Mos unha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal para recalificar 80 hectáreas de terreo. “80.000 metros cadrados que pertencen á Comunidade de Montes, que pasarían de ter consideración de solo rústico de protección forestal a estar dotados para a prestación de servizos”, sinala. A modificación daría pé á expropiación dos terreos para a construción do centro comercial.

Nesas hectáreas atópanse cinco captacións de auga comunitarias, que dan abastecemento a case 2.000 familias, expón Cajide. “Para levar adiante o proxecto queren conectar a estas familias coa rede municipal, cando coa traída comunitaria o servizo resúltalles gratuíto ao non ter que abonar un canon”, indica. A solución conta coa oposición frontal das familias.

Hai máis dun ano que colectivos de Mos loitan contra a aprobación do centro comercial. Nunha manifestación a finais de novembro escoitáronse os berros “Non á especulación nos nosos montes”, “O monte é vida” ou “Por un Mos Vivo”. As asociacións de pequenos comerciantes da zona tamén expresaron o seu rexeitamento.

Porta aberta á expropiación

O 30 de setembro o pleno municipal de Mos aprobou, tan só cos votos do Partido popular, o borrador da modificación puntual do PXOM. Esta cuarta feira foi publicado no Diario Oficial de Galiza. Segundo a documentación presentada á Xunta 240.000 metros cadrados estarían destinados a usos dotacionais privados deportivos, 142.000 a área comercial e 290.000 metros cadrados ao uso privado de lecer.

Após a publicación no DOG ábrese un prazo de dous meses para a presentar alegacións á modificación do PXOM. “Sabemos o que vai acontecer, ignorarán as alegacións e teremos que optar pola vía contenciosa”, adianta Cajide.