Mobilización en Compostela contra a deportación dunha muller de orixe kurda asentada na Galiza

Concentración decorrida esta cuarta feira en Compostela (Foto: Amiga).
O seu irmán afirma que a muller, que leva sete anos residindo aquí, podería ser encarcerada ao pisar Turquía por cuestións políticas, dado que xa fora enviada a prisión dúas veces.

Decenas de persoas mobilizáronse esta cuarta feira Compostela, fronte á comisaría da Policía Nacional, para denunciar a deportación dunha muller de orixe kurda.

A concentración foi convocada polo Foro Galego de Inmigración, logo de que na terza a muller, duns 50 anos, acudise a asinar á Oficina de Estranxeiría de Santiago, como cada quince días, porque tiña unha orde de expulsión, e quedase detida para a súa posterior deportación.

Trátase dunha muller kurda, de nacionalidade turca, polo cal a deportación se realizaría a Turquía, país no que, segundo o irmán da afectada, estivo en prisión en dúas ocasións por "problemas políticos". Por este motivo, cre que a deportación a Turquía poderíalle causar prexuízos á súa irmá.

O irmán, que tamén estaba presente na concentración, sinalou que ela chegara á Galiza porque aquí ten outro familiar desde hai case 20 anos. Agora ela leva arredor de sete anos no país, tratando de legalizar a súa situación.

A avogada da Asociación de Migrantes da Galiza (Amiga), Maite Bustamente, explicou que o obxectivo inmediato é tentar paralizar a expulsión, se ben recoñeceu que "unha vez que se pon en marcha o mecanismo de deportación é moi difícil paralizalo".

Agora esperan unha última posibilidade legal, que pasaría por unha solicitude cautelarísima que tentaría paralizar o procedemento xa no aeroporto. Aliás, segundo manifestou a avogada, xa se solicitou un recurso contencioso sobre a súa expulsión e un arraigamento social. Por iso, desde o Foro entenden que é unha persoa que fixo todo o posíbel para tentar regularizar a súa situación.

Esta cuarta feira a muller foi trasladada a Madrid para a súa posterior deportación e, na Galiza, os seus familiares e amigos esperan que se poida paralizar e evitar o seu regreso a Turquía.