Mobilización en Chantada reclama unha sanidade “pública e de calidade”

“Máis persoal e calidade asistencial”, demandaron os centos de manifestantes que percorreron a localidade malia o mal tempo. A organización cifra os asistentes en máis dun milleiro.

Centos de persoas tomaron parte este sábado na manifestación en defensa dunha “sanidade pública e de calidade” convocada pola plataforma Chantada quere Sanidade. O mal tempo – choiva e frío -non arredaron á veciñanza que saíu á rua para demandar máis pesoal e medios no centro de saúde, no PAC e tamén no Hospital de Monforte. Varios comercios e estabelecementos da vila fecharon as portas durante o horario da manifestación para así apoiar as reivindicacións. 

Aa plataforma veciñal demandan melloras sanitarias e denuncia os recortes que nos últimos anos implicaron unha mingua no sistema sanitario da comarca e da Galiza.

“A situación agrávase cada mes ou case cada semana. Despois de dúas concentracións, e unha carta á xerencia que a día de hoxe non tivo resposta a plataforma convoca esta manifestación”, indicaban esta semana representantes desta plataforma

A plataforma entende que “hai unha clara postura de inacción e banalización do problema por parte da Administración sanitaria. “Debemos recordar que coas vidas non se xoga e que a Sanidade Pública é un dos bens máis prezados que temos como sociedade”, conclúen.

Entre berros de “Non á privatización” os manifestantes percorreron o traxecto entre a praza Santa Ana ao centro de saúde. 

Non foi esta a única mobilización que decorreu nas últimas horas en comarcas da Galiza na defensa da sanidade pública. Esta sexta feira, en Xinzo de Limia a veciñanza manifestouse para reclamar a volta dos servizos de Pediatría ao Punto de Atención Continuada (PAC) da localidade. Así, varios centos de persoas marcharon polas rúas de Xinzo para exixir a restitución do servizo de Pediatría.

A mobilización desta sexta feira é a segunda que protagoniza o municipio tras a decisión da Xunta da Galiza de deixar sen pediatras o PAC do concello, onde sen emprazaban os dous únicos profesionais que atendían as 1.700 crianzas dos municipios de Baltar, Os Brancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.