CONVOCA A PLATAFORMA GALEGA

Mobilización o 16 de setembro contra os recortes e degración do ensino público

Unha rolda da Plataforma

A falta profesorado nos centros, a masificación das aulas, a perda de peso do galego como lingua vehicular do ensino e a actitude autoritaria do conselleiro volven caracterizar, segundo a Plataforma, o inicio do curso.

 

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público denunciou a conflitividade que afirma provocan neste inicio de curso “os recortes impostos pola Consellaría de Educación e a súa obstinación por aplicar a LOMCE e por non dotar aos centros do profesorado suficiente”. Diante desta situación convoca unha concentración o 16 de setembro ás 11:30 horas diante da Consellaría de Educación. 

A falta profesorado nos centros, a masificación das aulas, a perda de peso do galego como lingua vehicular do ensino e a actitude autoritaria do conselleiro volven caracterizar, segundo indicou Anxo Louzao, en representación da Plataforma, o inicio da actividade lectiva. “Temos unha Consellaría ao servizo dos intereses da patronal do ensino privado e concertado, maioritariamente confesional, en detrimento do público”, dixo. Explicou que houbo peche de 48 unidades e 13 centros no ensino público mentres abren 26 novas unidades no ensino concertado, “ao que a Xunta destinou máis de 1.000 millóns de euros en catros anos mentres reducía en 181 millóns de euros os orzamentos de Educación”. 

En representación do alumnado, Artai Fernández denunciou a falta de prazas no ensino público, nomeadamente na FP, e a suba das taxas. Lembrou que as bolsas, en lugar de cumprir a función de garantir o acceso ao ensino de todo o alumnado, seguen premiando aos estudantes con mellores notas. E en representación das familias José Bustela, manifestou que o 40% das familias non van ter acceso a ningunha axuda para os libros de texto e que a maioría terán que seguir soportando o custe de servizos como o de comedor e transporte escolar.

Máis de 300 centros continúan sen a dotación de profesorado necesario e máis de 200 unidades superan o número de alumnos e alumnas por aula que establece a rateo, denuncia a Plataforma. Adenmais, o 60% dos docentes nomeados como orientadores están a tempo parcial e comparten centro.