A mobilidade laboral, principal problema do feche da fronteira con Portugal

Control da Garda Nacional Republicana (GNR) con motivo da pandemia da COVID-19.
Trámites administrativos e maiores distancias para pasar a raia.

En marzo de 1995 entraba en vigor o Tratado de Schengen, e nacía unha Europa sen fronteiras que habilitaba a posibilidade da libre circulación de persoas e mercadorías, tamén, entre a Galiza e o norte de Portugal. Precisamente cando se conmemoran 25 anos daquel feito histórico a chegada da pandemia da COVID-19 a ambos os dous lados da raia e a decisión de fechar os accesos fronteirizos volveu lembrar as dificultades que pasou esta zona do noso país para eliminar as barreiras administrativas. Desde o día 17 de marzo os únicos puntos de acceso a territorio portugués desde a Galiza son por Tui-Valença do Minho e Verín-Vila Verde da Raia. Esta situación, polo de agora, continuará até 15 de maio. 

Problemas na mobilidade laboral

Nestes últimos anos a colaboración entre municipios de ambos os dous lados medrou até o punto de crear sinerxias na poboación. Xavier Macías, técnico do concello de Tomiño, explica a Nós Diario que o feche da Ponte da Amizade, que une ese municipio con Vila Nova de Cerveira, visibilizou unha realidade incómoda que rachou co habitual día a día dos seus habitantes.

"O proxecto transfronteirizo entre os dous concellos presenta cuestións que se viron limitadas pola crise sanitaria como as actividades públicas ou intercambios programados", sinala. A actual situación creou novas problemáticas que se sumaron ao confinamento e ao feche de comercios, as dúas imaxes máis visíbeis da pandemia. Unha delas, se cadra a máis importante, é o estado das traballadoras e traballadores transfronteirizos. Macías explica a súa propia experiencia. "Vivo en Portugal e o feche da ponte obríganos a ir até Tui polo que facemos case o dobre de quilómetros", relata. Conta que os primeiros días do feche fronteirizo as fileiras de coches eran habituais e agora a dificultade pasou a ser administrativa. "Para pasar a fronteira tes que acreditarte cun contrato de traballo ou outro documento semellante. Demostrar que o teu desprazamento está xustificado", explica a Nós Diario. 

A Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira e o concello de Tomiño tiveron que habilitar recursos para solucionar de urxencia esta situación. No caso galego, Macías explica que se creou unha canle específica para facilitar este trámite ás traballadoras e traballadores portugueses que vivían no seu municipio.

Comunicación telemática

Ante esta excepcional situación a comunicación nos proxectos transfronteirizos non parou, mais mudou de canles de comunicación. "Desde o primeiro momento, tanto a nivel técnico como político, continuaron os contactos a través de internet, por videoconferencia", asegura Macías, "realizamos o noso labor teletraballando e mantendo contacto telefónico semanal", engade. Un destes proxectos, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Río Miño), explicaba nun comunicado que entendía a escolla de fechar as fronteiras, mais engadía que "é unha decisión que se toma desde os Gobernos centrais de cada un dos estados, moitas veces ignorando a realidade e o día a día dos territorios transfronteirizos".