Pontevedra participa na Xunta Directiva

A mobilidade en bicicleta, unha alternativa segura fronte á Covid

Imaxe da reunión en liña das Cidades pola Bicicleta. (Foto: Nós Diario)
O deputado de Mobilidade e Espazo Público, Uxío Benítez, representou hoxe a Pontevedra na reunión telemática da Xunta Directiva da Rede de Cidades pola Bicicleta (RCxB), da que a Deputación é xa membro de pleno dereito.

No encontro en liña afrontáronse temas de traballo para os próximos meses e reflexionouse arredor da mobilidade en bicicleta como un dos eixos de transformación urbana da última década, nun contexto global de emerxencia climática e de crise de calidade do aire nas cidades.

Nesta liña, insistiuse en que a situación de excepcionalidade vinculada á Covid-19 supuxo un revulsivo para a bicicleta como alternativa de mobilidade.

"Co referente dalgunhas  actuacións realizadas en diversas metrópoles europeas e do resto do mundo, xeráronse nas nosas cidades múltiples intervencións en diferentes ámbitos", subliñan dende a rede, para engadir que o "obxectivo é o de mellorar as condicións para a mobilidade en bicicleta, que se mostrou como unha das alternativas máis seguras para evitar a propagación da Covid-19”

As alegacións da RCxB á Lei de Mobilidade Sostíbel e Financiamento do Transporte foi outro dos temas que estivo enriba da mesa na xuntanza.

Os traballos de finalización do Observatorio da Bicicleta 2020 que se presentará o día 11 de decembro na Asemblea Xeral, as novidades do  BiciRexistro e a súa implantación en tendas de todo o país ou os Premios  Bikefriendly 2021, que xa están en marcha, tamén foron asuntos que se abordaron en liña.

O encontro non quixo deixar tampouco de lado cuestións como o Mapa de entidades ciclistas, a proposta formativa de Factoría de Ciclistas, a enquisa da  Zikloteka e o Embaixador da Bicicleta 2020.

Neste encontro telemático, canda a Pontevedra, incorporábase á Xunta directiva, tamén como membro de pleno dereito, a Deputación de Bizkaia.