Moaña reclama ante a Cámara contar con servizo de Urxencias

Manifestantes de Moaña onte diante do Parlamento galego (Foto: Nós Diario).
Máis de 100 persoas procedentes de Moaña protestaron esta cuarta feira diante do Parlamento galego, en Compostela, en defensa de melloras sanitarias no seu municipio.

Máis de 100 persoas procedentes de Moaña protestaron esta cuarta feira en Santiago, ás portas do Parlamento galego, para exixir melloras na sanidade dese municipio, en concreto a volta do servizo de Urxencias ao seu Punto de Atención Continuada (PAC).

Na concentración participou tamén a alcaldesa da localidade, a nacionalista Leticia Santos, e achegáronse por parte do BNG a portavoz nacional, Ana Pontón, acompañada da deputada Montse Prado e do tamén deputado Paulo Ríos; e por parte do PSdeG, a deputada Leticia Galego e os deputados Julio Torrado e Gonzalo Caballero

Sesenta semanas de protestas en Moaña

A Mesa da Sanidade de Moaña, formada por entidades veciñais e o Goberno municipal, leva sesenta semanas en pé de guerra reivindicando a devolución das Urxencias ao seu centro sanitario para non ter que desprazarse ao concello veciño de Cangas.

Ademais demandan que se cubran as dúas prazas vacantes de médicos de familia en horario de tarde, unha circunstancia que debilitou o servizo desde outubro de 2022. Ademais, urxen sumar outra ambulancia ás dúas que agora mesmo ten a comarca do Morrazo.  

A alcaldesa Leticia Santos admitiu, en declaracións a Nós Diario, que a situación sanitaria en Moaña “está complicada”.  Alén da demanda das urxencias, explica que “hai máis de 2.800 persoas que non temos médico asignado desde hai máis de catorce meses”.

Por ese motivo, apunta, “é moi difícil ter cita nun tempo razoábel e cando a tes cada vez atende unha persoa distinta”. 

Leticia Santos afirmou que hai “preocupación” pola falta da ambulancia de reforzo. “Desde que levaron as urxencias para Cangas os tempos de atención incrementáronse”, denunciou, "a xente está moi concienciada polo que seguiremos mobilizándonos, é a única vía que nos deixan", engadiu.