Moaña mobilízase por unha atención primaria digna, con persoal médico e servizo de urxencias

A veciñanza de Moaña mobilizarase cada domingo para reclamar médicos e servizo de urxencias.

A a mesa local e a plataforma en defensa da sanidade pública cualifican de alarmante a situación da Casa do Mar.

"Coa nosa saúde non se xoga". A veciñanza de Moaña secundou este domingo as demandas da Mesa da Sanidade local nunha mobilización "masiva" que busca reverter a "situación" alarmante que atravesa o servizo de Atención Primaria do municipio.

A mediados de novembro a Mesa da Sanidade de Moaña confirmou a negativa do Sergas devolver as Urxencias á Casa do Mar de Moaña, como reclamaba, un servizo que agora contan poder perder de forma prolongada.

Como consecuencia da pandemia o Sergas centralizou as urxencias no Punto de Atención Continuada de Cangas, a onde se debe dirixir a veciñanza en caso de emerxencia.

Non podemos ter o centro de saúde fechado nin esperar unha hora por unha ambulancia, porque cando a necesitamos é por unha emerxencia vital

A esta perda, a mesa local engade a falta de persoal médico suficiente para poder atender a demanda actual da poboación. Así, co fin de frear o desmantelamento da Atención Primaria e de devolver á vila os recursos sanitarios imprescindíbeis para garantir unha asistencia "digna", a Mesa da Sanidade de Moaña, coa participación de numerosas asociacións veciñais e da plataforma en defensa da sanidade pública local convocou este domingo unha mobilización que terá a súa réplica o mesmo día de cada semana.

Atención sanitaria digna

"Non imos renunciar a unha atención sanitaria digna", reiterou no feche da manifestación a alcaldesa de Moaña e presidenta da mesa local de sanidade Leticia Santos.

"Unha vila de 20.000 habitantes como a nosa non pode ter o centro de saúde fechado como temos hoxe. Non podemos esperar unha hora por unha ambulancia, porque cando a necesitamos é por unha emerxencia vital", afirmou.

Moaña reclama ademais estabilidade para o persoal médico na quenda de tarde do centro de saúde.

"Temos dereito a saber quen é o noso médico, porque agora mesmo temos unha persoa para cubrir a catro profesionais, e así, é imposíbel", concluíu Santos, quen agradeceu a participación activa das entidades locais na "defensa da veciñanza dos ataques de Feixoo", da que se desmarcou o Partido Popular.