Oito pesqueiros proseguen a busca

Miquel Roca, avogado de dereito marítimo: "Se hai vontade, as opcións de rescate son múltiples"

Miquel Roca, avogado marítimo, apunta que o Estado podería ter negociado co Canadá o reinicio da busca (Foto: Nós Diario).
O avogado afirma que o Goberno estatal podería ter retomado a busca desde o primeiro momento "se tivese vontade", comprometéndose co Canadá a sufragar os custos do operativo. Aliás, as familias sinalan que a ARVI pediu aos barcos que traballan na zona que prosigan a busca dos corpos agora que as condicións meteorolóxicas o permiten.

O avogado experto en dereito marítimo Miquel Roca vén de sinalar, nunha entrevista na Televisión da Galiza (TVG), que o Estado español podería ter solicitado ao Goberno do Canadá que reiniciase a busca asumindo os custos: "Podían dicir, 'tardaremos seis ou sete días en chegar á zona, comezade a busca cos vosos medios e logo pagamos os custos'". Se hai "vontade", asegura, hai "opcións múltiples e non unha soa" para procurar os corpos.

No que atinxe á comisión de investigación que o Goberno estatal convocou a pasada semana, explica: "Ten un prazo máximo dun ano, mais a propia comisión dixo que é difícil prognosticar un período exacto para desenvolver a investigación. Con todo, o prazo máximo é dun ano e sería lóxico que o informe estivese preparado con anterioridade".

Mentres non haxa unha resolución oficial, Roca avoga por "evitar as especulacións que tanto dano fan". De feito, a comisión iniciará as pescudas entrevistando os tres mariñeiros sobreviventes, que, lembra o avogado, "aínda están a pasar un momento terríbel e cómpre darlles un prazo".

Mais a investigación xa comezou coa recompilación de todos os documentos achegados pola armadora, o Grupo Nores de Marín, que esta segunda feira apuntou a un "fallo no motor" mentres estaban despregadas as redes como posíbel causa do naufraxio.

"É un drama. O dereito está para ofrecer reparación [ás vítimas], mais é triste que, cando se produce [un accidente], poñamos os medios que poñamos nunca chegaremos a reparar o terríbel dano causado", sentenciou.

Reanúdase a busca

Polos micrófonos da TVG tamén pasou Kevin González, fillo dun dos mariñeiros desaparecidos, que afirmou xa se reanudou o operativo de busca, segundo lle vén de confirmar ás familias a Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI).

Deste modo, os barcos de diferentes armadoras que traballan nas augas de Terranova onde afundiu o 'Vila de Pitanxo' "aproveitan estes momentos para seguir buscando", xa que as condicións meteorolóxicas agora son boas.

A respecto da reunión que mantiveron co presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, sinalou: "Foi esperanzadora dentro do que cabe. Trasladounos a intención de ordenar aos barcos da zona que busquen".

"Fixémoslle chegar as nosas peticións de que fale co Goberno canadense para que axude na medida do posíbel, e dixo que está a falar permanentemente co primeiro ministro [Justin Trudeau] e os ministros competentes, e concretou que imos ter unha reunión co director xeral da Mariña Mercante, que é a máxima autoridade competente", engadiu.