Minuto de silencio na Facultade de Ciencias das Comunicación por Pablo L. Orosa

Imaxe do acto (E.P)

O xornalista coruñés faleceu esta sexta feira aos 34 anos de idade.

Estudantes e profesores da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) renderon homenaxe esta segunda feira cun minuto de silencio a Pablo López Orosa, xornalista de 34 anos natural de Oza dos Ríos (A Coruña) falecido a pasada sexta feira. Foi a Asemblea Aberta desta facultade a que propuxo realizar o acto ao Decanato.

O minuto de silencio foi precedido por unhas palabras de Lois Alcayde, compañeiro de profesión do 'freelance' ao que coñeceu a través da Revista Luzes, coas que destacou que era un home que "reivindicou o dereito a ser xornalista en moitos lugares".

López Orosa dedicou boa parte da súa carreira xornalística á cobertura de conflitos internacionais como profesional independente. En 2013 iniciou un percorrido que o levou a Oriente Medio, ao este de África, ao sueste asiático e a Centroamérica.

Contou para diferentes medios de comunicación a posguerra iraquí e o conflito kurdo, o xenocidio da minoría rohingya en Birmania e a desaparición de linguas milenarias.