Miñóns di que a decisión do Goberno español de non buscar o 'Vila de Pitanxo' é "técnica"

Concentración en Marín pola busca dos falecidos o pasado mes de abril. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
O delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, reiterou que o rexeitamento do Executivo español para que se retomen as tarefas para localizar o 'Vila de Pitanxo' é unha "decisión técnica".

O delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, reiterou que o rexeitamento do Executivo español de atender a reclamación dos familiares dos 21 falecidos no naufraxio do pesqueiro 'Vila de  Pitanxo' para que se retomen as tarefas para localizar o barco e obter imaxes sobre o seu estado é unha "decisión técnica".

Así o reiterou esta segunda feira en Pontevedra despois de ser preguntado polos xornalistas por unha posíbel operación de traballo subacuático que permita localizar o buque en augas de Terranova (Canadá), após afundirse o pasado 15 de febreiro.

"Esta non é unha decisión que tome nin o delegado do Goberno nin que se tome politicamente. É unha decisión técnica", asegurou, engadindo que ás familias explicáronselles os motivos "de forma moi detallada, moi específica e moi directa" para que coñecesen "todas as alternativas posíbeis".

Miñóns indicou que unha vez que se trasladou ás familias ese informe técnico "non hai máis que achegar respecto diso". Nese documento explicábase que a pesar de que si existen opcións de baixar ao barco, ningunha delas obtería como resultado o rescate dos corpos, polo que non se acometería ningunha acción xa que o obxectivo último non é posíbel.

O delegado do Goberno, que afirmou que a investigación sobre as causas do sinistro, que dirixe a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos, "segue o seu curso" e que "non hai ningún indicio" que lles faga entender que hai que "actuar ou que facer unha baixada ao barco".

Neste sentido, considerou que o Goberno cumpriu o seu "compromiso" de buscar "todas as alternativas posíbeis" para a recuperación dos corpos, "que foi o que solicitaron as familias nun principio" e "unha vez que os técnicos lles mostraron a imposibilidade de facer iso, estase á espera de que se resolva o que é tamén unha parte moi importante, que é coñecer que pasou", sentenciou.

REXEITAMENTO DAS FAMILIAS

Pola súa banda, as familias dos falecidos no naufraxio volveron a expresar o seu rexeitamento ás palabras de Miñóns, asegurando que nunca se condicionou baixar ao barco con atopar os corpos dos aínda 12 desaparecidos.

Así, María José de Pazo, filla do maquinista do 'Vila de  Pitanxo' e portavoz das 21 familias, subliñou que nas diferentes reunións con representantes do Goberno e nun escrito enviado ao Executivo expresouse a necesidade de baixar ao pecio para axudar a investigar que pasou na madrugada do 15 de febreiro en Terranova, realizando imaxes e vídeos da situación do barco a case mil metros de profundidade.

"Lea os escritos e escoite e non diga escusas. Se non, estea calado porque parece unha falta de respecto ás familias, aos falecidos e a toda a xente do mar", reivindicou De Pazo referíndose directamente a José Miñóns.

"Non lle consinto que poña escusas falsas de que queremos que se atopen os corpos debido a que se dixo nun primeiro momento que se aparecían os corpos queriamos recuperalos. Isto é normal. Pero sempre a prioridade, tela por escrito, é baixar ao barco e gravar, obter probas", engadiu.