Miño ergue a voz contra o recheo da súa praia Grande

Mobilización en MIño

A veciñanza maniféstase para demandar que cese unha actuación imposta polo concello do PP e que “pon en risco o medio ambiente e un activo económico”.

Decenas de veciñ@s secundaron este domingo a mobilización en contra do recheo da praia Grande de Miño e que denunciou o “risco que para o medio ambiente supón depositar centos de metros cúbicos de area na praia”.

A concentración estivo apoiada polo BNG, que segundo palabras do dirixente local Henrique Abraia pensa que “esta actuación só busca un resultado estético e encubrir os verdadeiros problemas que ten o principal activo económico de Miño”. @s nacionalistas advirten do impacto deste recheo sobre a actividade marisqueira na zona e alertan de que no vindeiro inverno “boa parte destes depósitos acabarán novamente polo fondo da ría”. Entenden que “máis que solucionar un problema, o recheo que promove o PP vai traer máis problemas”.

“Desde logo, a veciñanza ten todo o noso apoio e faremos canto estea na nosa man diante deste recheo”, explicou o nacionalista. Neste sentido, o Bloque adiantou que presentará iniciativa no Parlamento de Galiza instando á Xunta a reconsiderar estas actuacións polo seu impacto no medio e na actividade marisqueira. Así mesmo, Rosana Pérez, deputada nacionalista en Madrid, xa pediu que se paralizara esta actuación.