Ministros do PP preferirían que a reforma do aborto ficase para a próxima lexislatura

Alegan o custo eleitoral dunha medida que só contentaría ao sector máis conservador do seu eleitorado.

 

O debate sobre a aprobación ou non da reforma da lei do aborto nesta lexislatura está posto sobre a mesa e a decisión definitiva sobre esta cuestión a tomará o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, segundo informa El País.

Ministros do PP consultados polo rotativo madrileño non dubidan en mostrar a súa preferencia de que o anteproxecto de lei do aborto fique aí e non se transforme en proxecto de lei no que fica de lexislatura.

Extrema debilidade

En realidade, todo o PP é consciente que a reforma traería graves custos eleitorais ao partido, que enfrenta xa nunha situación de extrema debilidade política as eleccións municipais de maio.

O ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, anunciou no seu día que a reforma sería aprobada no verán, mas esta estación só ten tres semanas por diante e ninguén no Goberno garante que vaia ser aprobada antes do 21 de Setembro.

Jorge Fernández Díaz, ministro de Interior e voz do Opus Dei no gabinete, lidera o sector do partido que más está a premer para que finalmente Rajoy asuma a reforma.

Depuración técnica

O anteproxecto xa pasou todas as fases de depuración técnica. Pode vir a tornarse en proxecto de lei en calquer momento. Debería ser aprobado polo Consello de Ministros para o seu envío ao Congreso dos Deputados.

Todo o mundo dá por suposto que en ningún caso o anteproxecto será aprobado como tal e que muito probabelmente incorporará o terceiro suposto -o de despenalizar o aborto en caso de malformación do feto-, mas mesmo así os estrategas eleitorais do PP interpretan que a reforma traería custos ao partido.

Génova teme que, a consecuencia do debate que se daría arredor desta cuestión, se incrementaría a fuga de votos cara á UPyD e mesmo cara á Podemos.