Saúde

Empaquetados xenéricos, prohibición de aditivos e límites ao 'vapper': o Ministerio declara a guerra ao tabaco

O Ministerio propón un empaquetado xenérico para os cigarros. (Foto: Nós Diario)
O departamento agora dirixido polo compostelán José Miñóns somete a consulta pública a súa proposta para reformar a regulación do tabaco, cuxo consumo non decae dado que a nicotina segue a atraer, sobre todo, a xente nova.

O Ministerio de Sanidade sacou esta segunda feira a consulta pública previa, até o próximo 24 de abril, un proxecto de real decreto que ten como obxectivos principais a introdución dun empaquetado xenérico para os paquetes de tabaco e mellorar a regulación de produtos como os cigarros electrónicos. En concreto, o Ministerio quere modificar o real decreto 579/2017, do 9 de xuño, polo que se regulan determinados aspectos relativos á fabricación, presentación e comercialización dos produtos do tabaco e os produtos relacionados.

Sanidade xustifica que é precisa unha "actualización urxente" do texto para abordar os problemas que se produciron no último lustro, entre eles as "carencias na regulación dos cigarros electrónicos sen nicotina e dos produtos a base de herbas para fumar", así como a "falta de adecuación da normativa actual á maior oferta de novos produtos relacionados presentes no mercado" como os propios 'vapeadores'.

Desde o Ministerio advirten que hai hoxe unha maior exposición da poboación xeral, e "particularmente nova", a esas "novas formas de consumo de nicotina". Segundo o informe EDADES 2022 —elaborado polo propio Goberno español—, de feito, duplicouse o consumo de cigarros electrónicos no Estado en só sete anos, pasando do 6,8% de 2015 ao 12,1% de 2022. É por iso  que Sanidade quere "reducir o risco de porta de entrada no consumo de nicotina que supoñen os produtos relacionados, especialmente para a mocidade".

Para o Ministerio, por tanto, todo este tipo de produtos, con ou sen tabaco, con ou sen nicotina, con ou sen compoñentes electrónicos, supoñen "un desafío". "Resulta necesario achegar a axeitada resposta técnica en aras de garantir a debida protección das persoas que consomen estes novos produtos non convencionais", aseguran desde este departamento.

A reforma da norma pretende ofrecer "maior claridade, uniformidade e seguridade xurídica no mercado de produtos de tabaco e produtos relacionados, tendo en conta o desenvolvemento do mesmo a nivel estatal e europeo". Na mesma liña, tamén se recolle a prohibición de determinados aditivos e compoñentes que "poden resultar máis rechamantes para os consumidores", particularmente os máis novos.

Medidas para restar "atractivo" ao tabaco

Todo este fenómeno únese a unha "estabilización na redución do consumo de produtos do tabaco e aumento no de produtos relacionados", así como unha "perda da efectividade das advertencias sanitarias combinadas e mantemento do atractivo do envasado dos produtos do tabaco". Malia que a prevalencia de fumadores diarios continuou descendendo desde 1993, nos últimos 10 anos retardouse esta baixada.

Os últimos datos publicados en EDADES indican que até 33,1% da poboación de entre 15 e 64 anos asegura consumir tabaco a diario, unha cifra semellante á dos períodos posteriores á aprobación da Lei Antitabaco de 2005. Por iso, Sanidade quere impulsar "melloras na etiquetaxe e envasado dos produtos do tabaco" perante a introdución dun empaquetado xenérico, xunto a outras "medidas de rastrexabilidade e seguridade".

Esta é unha medida moi demandada polas organizacións involucradas na loita contra o tabaco, que defenden que quitar as cores e mensaxes dos paquetes de tabaco podería facelas menos atractivas para os consumidores, polo que podería diminuír o seu consumo. No Estado español reformouse en 2010 a Lei Antitabaco para introducir os espazos libres de fume, como a prohibición de fumar en centros de traballo e en locais de hostalaría.

Porén, 13 anos despois, moitos colectivos reclaman seguir ampliando os lugares onde non se pode fumar e avanzar nunha regulación máis estrita do tabaco e todas as súas formas. Entre tanto, Sanidade non avanzou na aprobación do Plan de Integral de Prevención do Tabaquismo, que está elaborado e consensuado coas sociedades científicas desde decembro de 2021. Este documento era máis ambicioso que a reforma desta norma sacada a consulta pública, pois apuntaba a ampliar as zonas sen fume a ámbitos privados como os vehículos particulares ou subir o prezo do tabaco.

No Estado español, do mesmo modo que noutros da súa contorna, o tabaquismo é a primeira causa illada de mortalidade e morbilidade evitábel. Estímase, segundo os datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), que o consumo de tabaco é responsábel de 90% da mortalidade por cancro de pulmón, de 95% das mortes por enfermidade pulmonar obstructiva crónica, de 50% da mortalidade cardiovascular e de 30% das mortes que se producen por calquera tipo de cancro.