O Ministerio de Sanidade repartirá máscaras en estacións de tren, ningunha na Galiza

Unha muller en Santiago, protexida con luvas e máscara (Imaxe: Arxina)

Primeiro só as recomendaban para o uso de persoal sanitario, despois tamén para as persoas que deran positivo en coronavirus e non descartaron o seu uso no resto da poboación. Agora o Ministerio de Sanidade empraza as usuarias e usuarios do transporte público a empregaren máscaras.

O Ministerio de Sanidade recomenda agora o uso de máscaras para quen teña que empregar o transporte público para se protexer mellor do coronavirus. O Goberno estatal comezará a distribuír este material de protección en estacións de metro e proximidades, co cal, na Galiza, de momento, non as repartirá, pois non conta con eses servizos ferroviarios.

A decisión adóptase despois de que o Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades avalou o uso de máscaras en público, tanto en persoas con síntomas que xa saben que están infectadas da COVID-19 como en persoas asintomáticas, principalmente en espazos fechados e concorridos.

Na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros que tivo lugar na mañá da sexta feira, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, sinalou que o citado centro europeo aconsella unhas novas máscaras, chamadas hixiénicas, para complementar as medidas preventivas xa recomendadas: distanciamento social, hixiene das mans e evitar o contacto coa cara, nariz, ollos e boca.

O ministro asegurou que o Goberno central decidiu recomendalas para toda a poboación e que vai activar toda a produción estatal posíbel para que estean dispoñíbeis.