O Ministerio de Educación retira o Decreto de especialidades

[Imaxe La Moncloa]

Desde a CIG-Ensino valoran "positivamente" a retirada do borrador que lles foi comunicada esta terza feira como reclamaran na xuntanza do pasado día 5 de novembro. 

 

O Ministerio de Educación anunciou a retirada do polémico decreto de especialidades. Así o comunicaron esta terza feira representantes do goberno español ás centrais sindicais  na que aseguraron que presentarán esta cuarta feira (17 de decembro) un novo borrador no que se incluirán as mudanzas exixidas pola LOMCE. 

Estas modificacións atinxirán os módulos de especialidades docentes da FP básica, programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento, ámbitos do primeiro curso da ESO, as novas materias incorporadas ao currículo académico após a aprobación da LOMCE e a equivalencia das materias que se manteñen con este novo marco xurídico mais que xa estaban presentes na LOE. 

Desde a CIG-Ensino valoran "positivamente" a retirada do borrador, mais din agardar que o novo texto "non incida" nos aspectos do anterior

A central sindical maioritaria en Galiza, a CIG-Ensino, reclamara a súa retirada na xuntanza decorrida o  pasado 5 de novembro. A central nacionalista valora "positivamente" a decisión do goberno español e lembran a campaña desenvolvida polo sindicato ao longo dos últimos meses exixindo a retirada do borrador. Segundo a CIG, o anuncio do Ministerio resultou "do rexeitamento que as medidas produciron entre o profesorado" por consideralo "nocivo para o ensino público e unha aldraxe" para @s docentes. 

Aliás, aseguran agardar que o novo texto non incida en ningún dos aspectos do borrador anterior no que se prevía a redución dos cadros de persoal docente e a creación de profesorado polivalente, ben como flexibilizar e desregular as especialidades, entre outras medidas.