O Ministerio estuda se estende o uso de Janssen á poboación entre os 40 e os 49 anos

A vacina Janssen non ten límite de idade, mais até o de  agora utilizouse en persoas maiores de cincuenta e grupos vulnerábeis.

A Comisión Española de Saúde Pública estudará esta terza feira se estende o uso da vacina Janssen á poboación de entre 40 e 49 anos, como desexan varias comunidades, vacina que actualmente non ten limitación de idade, mais que só se administra a persoas maiores de idade de cincuenta ou a grupos vulnerábeis.

A comisión recomendou o seu uso para grupos vulnerábeis o 11 de maio xa que a inmunización conséguese cunha dose única. Até o momento nos vacinados inclúense persoas sen fogar, traballadores temporais, inmigrantes irregulares, grandes dependentes con problemas de accesibilidade e persoas con autismo profundo ou doenza mental.

Até a data, os casos de trombo detectados despois da administración de Janssen son aínda máis marxinais que na vacina AstraZeneca

A diferenza de AstraZeneca, Janssen non ten limitación de idade, pero tampouco se recomenda en persoas con antecedentes de trombocitopenia inducida pola heparina. Ambas as vacinas usan a mesma tecnoloxía vectorial adenoviral.

Até a data, os casos de trombo detectados despois da administración de Janssen son aínda máis marxinais que na vacina AstraZeneca. En Europa, só se informou dun caso entre os 1,34 millóns vacinados.

Na xornada do 31 de maio Galiza sumou 3.772 persoas inmunizadas contra a Covid-19 após alcanzar as 672.243 con pauta completa despois das 3.780 doses administradas este domingo.

Iso supón que o 28,5% da poboación a vacinar no conxunto da Galiza xa finalizou o proceso. Isto supón que na Galiza xa hai máis persoas coa pauta completa de vacinación que os habitantes xuntos das tres principais cidades galegas: Vigo (295.000 habitantes), A Coruña (247.000) e Ourense, con 105.000. Entre as tres suman por volta de 647.000.