A vacinación na mocidade coincidirá coa volta aos institutos

Punto de vacinación nun hospital da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
A Consellaría de Sanidade agarda a que a comisión sobre o tratamento fronte ao virus forneza unhas pautas para atender as persoas menores de 15 anos. Se a secuencia da campaña segue como até o de agora, os cálculos son chegar a este grupo da poboación ao tempo que se retoman as aulas.

Após a decisión da Axencia Europea do Medicamento (EMA), que hai uns días avalou o uso da vacina de Pfizer para inocular a menores de entre 12 e 15 anos, hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, afirmou que a Xunta agarda as pautas necesarias do Estado español para programar o tratamento contra a Covid-19 neste grupo de idade.

Tal e como avanza a campaña, e se non hai reorganización dos grupos poboacionais, o responsábel do Sergas estima que a vacinación das e dos menores de 15 anos podería coincidir "co inicio do curso escolar".

No entanto, dependerá de se desde o Goberno de Pedro Sánchez indican que a organización da campaña debe ser outra.

García Comesaña, que falou despois de asistir á xunta directiva do PPdeG, lembrou que esta cuestión é competencia da Comisión de Saúde Pública no marco do relatorio de vacinas e, dado que o anuncio da EMA é moi actual, aínda non houbo tempo para abordala.

Mais na súa opinión, "o lóxico sería que o grupo de menores" vaia despois do inmediatamente anterior, o da mocidade con idades até os 16 anos. En consecuencia, estimou que "probabelmente lle correspondería co inicio do curso".

Fármacos aprobados

Por outra parte, indicou que a atención ás galegas e galegos de entre 40 e 49 anos comezará o 7 de xuño. Polo de agora están aceptados tanto os medicamentos de Pfizer como de Moderna, pero tamén se fixo a consulta sobre o fármaco de Janssen porque sería "moi importante" sumalo ás doses totais "para avanzar no ritmo".

Neste mes tamén será inmunizada contra a Covid-19 a cidadanía de entre 50 e 59 anos que xa conta cunha das doses.