O Ministerio de Educación retira o decreto que mantiña as ratios nas aulas polas críticas recibidas

Unha crianza nun pupitre dunha aula galega. (Foto: Europa Press)
Sindicatos, profesorado e o resto da comunidade educativa lamentaron a "falta de negociación previa" á aprobación da norma.

O Ministerio de Educación e Formación Profesional decidiu retirar o proxecto de real decreto de requisitos mínimos dos centros de Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato, durante o debate no Consello Escolar do Estado decorrido esta quinta feira.

O borrador do proxecto sacado a audiencia e información pública polo Ministerio avogaba por manter as actuais ratios de todas as etapas educativas e fixaba novas no primeiro ciclo de Educación Infantil, que anteriormente non estaban definidas, modificando o real decreto 132/2010, do 12 de febreiro.

Deste modo, Educación quería manter as ratios máximas de 25 alumnos e alumnas en segundo ciclo de Educación Infantil e Primaria, 30 en Secundaria e 35 en Bacharelato. O Ministerio, segundo informaron a Europa Press fontes da Confederación Intersindical-STEs, retirou o devandito decreto a proposta dos gobernos territoriais, que terán que presentar agora as súas respectivas propostas.

STEs, que espera que o decreto se retirase para "mellorar o texto", sinalou que Educación lles trasladou que en setembro terán o novo proxecto xa publicado.

No que atinxe á Educación Infantil, o borrador, ao que se puideron presentar achegas até o 15 de xullo, propuña como novidade que os centros que ofrecen o primeiro ciclo da Educación Infantil teñan por cada unidade escolar un máximo de oito escolares das aulas de 0 a 1 anos, un máximo de 12 no segundo curso do primeiro ciclo e un máximo de 18 no terceiro curso do primeiro ciclo.

O texto indicaba que o número de estudantes por cada unidade escolar iría acorde ás súas "necesidades educativas"

"Para a autorización de agrupacións de alumnado de diferentes idades, as administracións educativas deberán estabelecer o número máximo de alumnos e alumnas, que, tendo en conta as idades e o seu número, será proporcional ao número máximo fixado para os alumnos das distintas idades", indica o borrador. O texto especifica tamén que os centros terán, por cada unidade escolar, un número de estudantes acorde coas súas "necesidades educativas".

Retirado polas críticas

Após o Consello Escolar do Estado, o sindicato CSIF, nun comunicado, sinalou que o Goberno estatal "decidiu retirar o decreto lei tras as críticas recibidas de non ter negociación previa cos representantes do profesorado e cos demais membros da comunidade educativa".

Os sindicatos viñan demandando nos últimos tempos unha redución notábel das ratios nas aulas, ao considerar as actuais demasiado elevadas para poder garantir unha ensinanza de calidade para todo o alumnado.

É o caso da CIG-Ensino, que a comezos do curso 2021-22 mesmo advertira dun novo incumprimento das ratios máximas, con até 26 estudantes en aulas de Infantil e Primaria, malia que desde a Consellaría de Educación aseguraran, nun contexto marcado ademais pola Covid-19, que en ningún caso se superaría ese máximo.

Máis recentemente, este mesmo mes de xullo, a CIG concentrouse diante da Consellaría para exixir melloras significativas nas condicións laborais do profesorado e mais unha redución das ratios.