O Ministerio denega unha megacentral de bombeo de Naturgy na Baixa Limia

Encoro das Cunhas, no municipio de Bande (A Baixa Limia). (Foto: Adega)
O Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico denegou onte a autorización para a construción dunha megacentral de bombeo na comarca da Baixa Limia.

A Dirección Xeral da Auga, dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, denegou esta quinta feira a autorización para a construción dunha megacentral de bombeo na comarca despois de 15 anos de trámites

A peticionaria, Naturgy, á que en 2017 se lle concedeu unha Declaración de Impacto Ambiental favorábel e á que en 2021 se lle autorizou unha prórroga de 2 anos para construír a central, pretendía que se eliminaran algúns dos condicionantes de autorización administrativa.

En particular, Naturgy referíase aos puntos relativos ao control da calidade das augas e á colocación de dispositivos para a conectividade fluvial, alén de alongar o período concesional dos 25 aos 40 anos. 

A instalación da estación foi alegada en numerosas ocasións pola Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), que reclamaba a caducidade do proxecto reiterando os riscos ambientais do proxecto.

Naturgy quería 'carta branca'

A empresa negouse a cumprir as condicións estabelecidas polo Ministerio na súa autorización, a maioría de carácter ambiental e orientadas a garantir o bo estado ecolóxico das bacías afectadas. Naturgy tampouco quixo modificar os dous encoros afectados para garantir a conectividade ecolóxica destes obstáculos, sen escadas de peixes nin outros mecanismos de permeabilidade. Para a empresa estas medidas eran "ineficaces e custosas". 

Mais a principal eiva sinalada pola empresa foi o período concesional aprobado para o seu proxecto: 25 anos de vixencia. Segundo Naturgy, este tempo era "absolutamente insuficiente", exixindo mínimo 40 anos.