O Ministerio de Agricultura autoriza fumigacións masivas de eucaliptais con pesticidas

[Imaxe ADEGA]

Permite o uso de TAU-Fluvalinato na Coruña, Pontevedra e zonas forestais da Mariña e O Ribeiro. Adega alerta dos perigos que carrexa nas abellas.

 

Através dunha resolución asinada polo Ministerio de Agricultura o 8 de abril de 2015, o goberno español autoriza fumigacións masivas de eucaliptais con TAU-Fluvalinato, un pesticida co que a Xunta experimentou o pasado ano dirixido a combater os pulgóns nos cultivos de horta e froiteiras mais que foi empregado para paliar a praga de gorgullo. 

As fumigacións permitiranse nas provincias da Coruña e Pontevedra para alén dos distritos forestais VI (A Mariña) e XI (O Ribeiro) previa solicitude administrativa que deberá ser presentada con 48 horas de adianto. 

Na resolución, o Ministerio de Agricultura condiciona as autorizacións a concorreren "circunstancias especiais" polo "perigo impresibíbel" que di representa o gorgullo ao non se poder controlar através doutros "medios razonábeis". 

Catro meses de fumigacións

O período en que se autorizarán as fumigacións iniciouse o 9 de abril e rematará o 6 de agosto. Desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) advirten dos perigos que carrexa o uso deste tipo de produtos para a vida acuática debido á "toxicidade do tau-fluvalinato". "É nocivo, irritante, bioacumulativo e altamente tóxico para a vida acuática", afirman. 

Neste senso, salientan as repercusións que o seu uso suporá para as abellas de acordo co exposto en diversos estudos científicos. Así pois, Adega alerta ás comunidades de montes, propietarios/as forestais, apicultores/as,  labregos/as e veciñanza en xeral que desenvolvan a súa actividade ou moren preto de grandes masas de eucaliptos a estar atentos/as ante esta nova vaga de fumigacións tóxicas.