O Ministerio amplía o tren de proximidade no Estado mais segue a excluír Galiza

A liña A Coruña- Vigo Urzáiz moveu 6.600 viaxeiros diarios en 2019, o segundo corredor de media distancia máis usado do Estado. (Foto: Turismo Rías Baixas)
Vigo é a maior área urbana sen servizo de ferrocarril de proximidade.

O tren de proximidade na Galiza semella, paradoxalmente, máis afastado. O país onde está a maior área metropolitana do Estado sen este servizo —Vigo, con 550.000 habitantes— seguirá sen el. O Ministerio de Transportes contempla ampliar o tren de proximidade en 2023 a varias cidades e liñas, mais ningunha delas na Galiza.

O Parlamento galego aprobaba por unanimidade en 1995 o Plan de modernización do ferrocarril Galego. Pouco menos dun ano despois, en setembro de 1996, ese plan chegaba a Madrid, ao Congreso, en forma dunha Proposición non de lei que, finalmente, non saíu adiante polo voto en contra do PP e coa abstención do PSOE.

Case 30 anos despois, tampouco se avanzou neste sentido. A ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, presentaba esta quinta feira en Madrid os orzamentos "máis sostíbeis, sociais e ambiciosos dos últimos 13 anos", como ela propia definiu estas contas. Uns orzamentos que teñen entre os seus obxectivos, afirmou, "contribuír de forma importante" a promover para todos e todas unha mellor mobilidade, tamén ferroviaria.

A Galiza non está

Na súa intervención, a ministra anunciou que este compromiso de "garantir a mobilidade cotiá de todas as persoas" ía traducirse en que o Ministerio declaraba "servizos ferroviarios de proximidade" cinco relacións: Palma del Río e Villa del Río (Córdoba), Illescas e Fuenlabrada-Humanes, Málaga-El Chorro-Caminito del Rey, Murcia-Cartagena, Medina del Campo-Valladolid-Palencia.  Andalucía, Castela- A Mancha, Murcias e Castela e León resultan beneficiadas cunha ampliación na que, porén, non figura a Galiza, malia carecer de proximidade e ter a maior área metropolitana do conxunto do Estado español sen ese servizo ferroviario.

O Ministerio afirma que a aposta polos "servizos ferroviarios de proximidade" nas cinco liñas mencionadas implicará"que dispoñan de máis frecuencias e tarifas máis accesíbeis desde o primeiro trimestre de 2023". Unha reivindicación esta —tarifas máis accesíbeis, mellores frecuencias e servizos— que levan anos reclamando colectivos de defensa do tren na Galiza, organizacións políticas e sindicais e entidades ambientalistas.

Experiencia a tres anos

O departamento que preside Raquel Sánchez explica que a definición de “servizos ferroviarios de proximidade” son aqueles necesarios "para dar resposta á mobilidade cotiá con frecuencias intermedias entre as Proximidades e a Media Distancia", aos que se inclúen unha serie de Obrigacións de Servizo Público (OSP). "Esta declaración de OSP exponse como unha experiencia piloto cunha duración de tres anos, cuxa continuidade quedaría condicionada a un nivel de utilización suficiente", conclúe Transportes.

En 2019 —ano previo á pandemia— as estacións de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña sumaban por volta de oito millóns de persoas usuarias. O aprobado servizo de proximidade para 2023 entre Palencia e Medina calcula que moverá entre dous e tres millóns de viaxeiros e viaxeiras.

Persoas usuarias demandan máis frecuencias e servizos

Renfe anunciaba a finais do pasado mes de setembro que ía engadir oito interventores no eixo A Coruña-Vigo para detectar "fraude no uso dos bonos gratuítos". Desde a activación da bonificación aos bonos, o número de reservas que non son usadas deixan até 15 % das prazas dos trens bloqueadas e sen poder ser utilizadas por outros viaxeiros en trens teoricamente completos, segundo Renfe.

Mais a problemática que centra a preocupación de persoas usuarias é que hai xornadas —como sextas feira e domingo— e determinadas liñas onde é imposíbel ter unha praza vacante, mesmo que se intente varios días antes, e iso non deriva tanto desas 'reservas' como da necesidade de aumentar servizos e frecuencias. De 24 de agosto e finais de setembro expedíronse na Galiza 51.240 abonos gratuítos.