Ascenden a catro os casos positivos detectados en Vilalba e investígase a orixe do contaxio

Realización do test da COVID-19 (Europa Press).
Unha das hipóteses que se manexan é que o contaxio se puido producir nunha reunión familiar

Catro persoas deron positivo polo momento por coronavirus en Vilalba e as autoridades sanitarias investigan a orixe dos contaxios.

Fontes sanitarias indicaron que se está facendo "de forma rápida" un rastrexo "exhaustivo" de todos os contactos e un estudo epidemiolóxico por mor destes casos. As catro persoas teñen nexos familiares entre si e atópanse illadas nos seus domicilios.

Unha das hipóteses que se manexan é que o contaxio se puido producir nunha reunión familiar que se celebrou a primeira fin de semana de xullo.

Pola súa banda, as fontes sanitarias consultadas por Europa Press ratificaron que está en estudo se se trata dun contaxio importado da Mariña, onde se rexistrou un brote que este xoves computa 140 casos activos.