A mineira Tungsten cancela temporalmente a actividade no xacemento de San Fins

Imaxe: Adega

A filial de Sacyr leva 2 anos cos preparativos para reactivar a explotación do xacemento. Suspende a actividade até que teña autorización de vertido de augas. A Fiscalía levou ao xulgado actuacións na mina que podían incorrer en delitos ambientais.

Tungsten, filial de Sacyr, comezou a finais de 2015 cos pasos para reactivar a actividade na mina de San Finx, en Lousame. Un proxecto no que investiu estes dous anos en traballos previos e cun obxectivo: extraer volframio e estaño. Desde un primeiro momento, sectores da veciñanza e colectivos ambientalistas denunciaron irregularidades e impactos desta actividade.

 

Agora, Tungsten vén de anunciar que suspende temporalmente a actividade en San Fins, segundo publica a edición de Barbanza de La Voz de Galicia. Un cese que se debe a que está pendente de que Augas de Galiza autorice o vertido da auga que inunda as galerías, o método empregado para extraer os materiais que procura. A empresa indica que mantén o compromiso co proxecto de explotar San Finx e que o retomará cando se autorice o verto de augas.

 

Adega denunciaba xa en 2016 A mineira Tungsten San Finx SL, do grupo Sacyr, solicitara a Augas de Galiza permiso para verter, previo tratamento, por volta dun millón de metros cúbricos de augas residuais mineiras (procedentes das galerías anegadas e escorrentías das entulleiras) ao rego de San Finx. Denunciba Adega que estas augas, con elevada acidez e contidos de metais pesados, son un importante risco. “Malia a que a empresa insiste en que as augas residuais que pretende verter cumprirán cos límites legais de contaminantes, as analíticas que manexa Augas de Galiza (e que figuran na documentación do proxecto) din o contrario”.

 

A comezos de novembro Adega informaba que o Fiscal de Medio Ambiente levaba ao xulgado as “graves irregularidades” atopadas na mina de San Fins, xa que "indiciariamente aparecen elementos que puideran significar a existencia ou o risco indicado nos artigos 325 e ss." do Código Penal. Estes artigos fan referencia aos delitos por contaminar o medio tanto de quen provoca a contaminación como de quen a consinte, castigados con penas de prisión de 2 a 5 anos.