A plataforma contra a Mina de Touro súmase ao Día contra a Minaría a Ceo Aberto

A minaría da especulación

Balsas de residuos da mina de Touro. Foto: cedida.

A plataforma contra a Mina de Touro vén de se sumar ao Día Internacional contra a Minaría a Ceo Aberto que se conmemora este domingo, 22 de xullo. A voz da activa asociación engade así a súa voz á de outros 12 movementos en todo o Estado español que pelexan contra “as multinacionais mineiras da espaculación”.
 

Entre as asinantes do documento España: unha gran mina a ceo aberto, remitido aos medios de comunicación, tamén se atopa a plataforma Vida e Ría ou Minaría de Lousame e rede ContraMINAcción de Galiza. “Somos moitos os que levamos tempo loitando contra a especulación das multinacionais mineiras”, sinalan, “que, amparadas pola Lei de Minas de 1973, decidiron recuperar explotación abandonadas ou iniciar megaproxectos”.

 

“Pedimos un cambio nesa lei, anquilosada, e berramos en contra do escurantismo en que se moven” esas empresas. “Non buscan o beneficio do lugar onde se asentan, aínda que prometan unha minaría respectuosa co medio ambiente”. Os vertedoiros de residuos estériles que deixan ao seu paso son para estas organizacións a evidencia máis acabada das medias verdades das multinacionais.

 

“Balsas de lodos tóxicos a 200 metros de zonas habitadas e de grande actividade económica, como no caso de Galiza”, exemplifican. “O patrimonio tamén se ve ameazado: o Camiño de Santiago”, din en referencia ao proxecto de Touro, “e transmiten falacias sobre a xeración de emprego, xa que non teñen en conta o que destrúen no sector agrogandeiro, turístico ou forestal”.

 

O documento remata lembrando que a minaría a ceo aberto “non é só unha maneira económica de extraer mineral para as empresas extractivas, senón tamén unha forma moi barata de contaminar aire e auga, esnaquizar paisaxes, despoboar zonas rurais. Unha vez terminada a extracción, só queda unha paisaxe abatida”.