A Defensora del Pueblo cuestiona as 'bondades' da mina de Corcoesto e inicia unha investigación

Tractorada contra a mina a ceo aberto [Imaxe: Salvemos Cabana]

Atende un informe do CSIC e da U-Vigo que sinala que a vella mina de Corcoesto duplicou os niveis de arsénico na auga sen ser a ceo aberto nin usar cianuro. Esta investigación non foi considerada pola Xunta á hora de outorgar a declaración de impacto ambiental favorábel. A plataforma 'Salvemos Cabana' exixe que esta sexa anulada "de inmediato"


A Defensora del pueblo, Soledad Becerril, iniciou unha investigación de oficio ao redor da mina a ceo aberto que a empresa de capital canadense Edgewater proxecta explotar nos montes de Corcoesto, afectando os concellos de Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Coristanco. A empresa recibiu xa 350.000 euros en subvencións concedidas polo Goberno español.

Segundo puido saber Sermos Galiza, na misiva que transladou á consellaría do Medio Ambiente, Becerril ampárase no informe realizado polo Instituto de investigacións mariñas do CSIC e a Universidade de Vigo, onde se demostra que a antiga mina de ouro que había nesta mesma zona de Bergantiños fixo duplicar a cantidade de arsénico presente nas augas do río Anllóns, até chegar á metade do límite aceptábel para o consumo das persoas. 

A investigación fai referencia a unha explotación mineira a pequena escala e que nin empregaba o cianuro para separar o ouro das rochas nin era a ceo aberto, senón que a extracción se practicaba mediante un sistema de galerías soterradas. Por contra, o plan de Edgewater pasa por explotar 774 hectáreas de mina a ceo aberto --o equivalente a 774 campos de fútbol-- e 100 mil toneladas anuais de estériles de mina tratados con cianuro, sosa cáustica e ácido clorhídrico.

A Xunta non ouve as queixas e fai seus os argumentos da empresa

A investigación do CSIC e da U-Vigo non foi tomada en consideración á hora de conceder a declaración de impacto ambiental favorábel, emitida polo departamento que dirixe Agustín Hernández o 14 de decembro de 2012, asumindo como propios os argumentos de Edgewater.

Porén, a comparación entre a vella mina e o proxecto da empresa canadense xustifica, ao entender de Becerril, "a preocupación que hai na zona", polo que emprendeu pesquisas de oficio para coñecer o verdadeiro alcance que tería a explotación de Edgewater, contestada polos colectivos ecoloxistas e pola veciñanza organizada nos colectivos Plataforma pola defensa de Corcoesto e Salvemos Cabana. 

Esta última vén de reclamar a anulación "inmediata" da declaración de impacto ambiental positiva que lle deu á empresa e que proceda a realizar "medicións exhaustivas" sobre os niveis de arsénico presentes hoxe no esteiro do Anllóns, onde a diario se practica o marisqueo. Reclaman tamén información sobre o impacto nas explotacións agrogandeiras e na calidade do leite na área de influencia da antiga explotación mineira.