Milleiros volven saír ás rúas de Galiza en defensa da sanidade pública

Fotografía de Xurxo Lobato: a marcha na Coruña

Dez manifestacións noutras tantas vilas e cidades do país contra os plans de “eliminar a Sanidade Pública para poder facer negocio coa enfermidade das persoas”.

Outra vez unha convocatoria para defender a sanidade pública e outra vez unha resposta multitudinaria nas rúas. Milleiros de persoas tomaron parte nas dez mobilizacións que na tarde-noite da cuarta feira percorreron outras tantas vilas e cidades do país: A Coruña, Ferrol, Santiago, Ribeira, Pontevedra, Vigo, Ourense, O Barco, Lugo e Burela. CIG, CCOO, UGT, C-SIF, CESM e OMEGA convocaron as mobilizacións que están apoiadas por distintos colectivos, entre eles, SOS Sanidade Pública, que convocaban a profesionais e a poboación en xeral a deferenderen unha sanidade pública, gratuíta e universal.

No manifesto lido ao finalizar as mobilizacións denunciábase que “coa chegada do Señor Feijóo á Xunta, o Partido Popular iniciou unha campaña de recortes, desmantelamento e privatizacións da Sanidade Pública, pretendendo que a sanidade sexa un privilexio, accesible a quen o poida costear a través dos repagos que tratan de impor. Ou acudindo á sanidade privada, adiantando os cartos que despois o Sergas reintegrará”.

Os e as convocantes defenderon que “a Sanidade é unha necesidade, é un dereito. A igualdade só se garante cunha Sanidade Pública”. As privatizacións, o copagamento, os recortes orzamentarios en sanidade, as áreas de xestión clínica... nestes anos de gobernos de Núñez Feijóo, din, as agresións á sanidade pública foron constantes. Para reverter a situación chaman a manter as mobilizacións.

Imaxe capa: Suso Pazos